IGUALDADE

Unha campaña chama á sensibilización sobre os dereitos sexuais e reprodutivos

20/12/2010 A Concellería de Benestar Social e Igualdade presta o seu apoio á Campaña de Sensibilización sobre os Dereitos Sexuais e os Dereitos Reprodutivos. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar sobre esta cuestión a través de diversas ferramentas e espazos de participación.

A Campaña, posta en marcha pola Asociación Galega para a Saúde Sexual en colaboración coa Federación de Planificación Familiar Estatal, co financiamento do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, foi presentada en Raxoi. Participaron no acto a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín; a coordinadora do Programa Xove en Galicia da devandita Federación, Marisol Insua Martínez; e a presidenta da Asociación galega para a Saúde Sexual, Montserrat Santos.

A campaña desenvolve accións en diferentes puntos e busca sensibilizar e informar á sociedade sobre estes dereitos, facilitando ferramentas e espazos de participación para que poidan exercerse con dignidade e respecto. Dez son os dereitos sexuais e reprodutivos que se tratan nesta campaña: dereito á igualdade; á autonomía persoal; á liberdade, seguridade e integral corporal; a tomar decisións reprodutivas libres e responsables; á información; á educación sexual; á privacidade e confidencialidade; á atención e protección da saúde sexual e reprodutiva; a optar polos distintos modos de convivencia e á liberdade de opinión e participación.

Recompilados nunha carpeta, explícanse e analízase cada un deles: por que temos eses dereitos, en que consisten, como se vulneran e que lexislación os regulan, ofrecendo vías para poñelos en práctica. Así mesmo, elaborouse un vídeo onde se explica cada dereito.

Presentación e debate

Estaba previsto que pola tarde, ás 19:00 horas, no Centro Social Caixanova, se realizara un acto de presentación da Campaña, consistente nunha entrega do material da campaña e nun debate. Neste ían participar a directora do Instituto da Muller, Laura Seara; a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín; o coordinador do Servizo Municipal de Mediación e Información LGTB do Concello da Coruña, Nelson Gabriel Rodríguez; e a doutora en Ciencias da Educación pola USC Diana Priegue.

Máis información no Centro Xoven de Anticoncepción e Sexualidade.
Teléfono: 881 916 869. De luns a venres, entre as 9:00 e as 15:00 horas.
Correo electrónico: info@agasex.org.

Compartir: