Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
EDUCACIÓN E DEPORTES

Concertos, lectura e unha completa oferta de lecer en Nadalxogo 2010

Mercedes Rosón e Bernardino Rama presentaron o programa.
Ampliar Mercedes Rosón e Bernardino Rama presentaron o programa.


20/12/2010 O xoves, 23 de decembro inaugúrase o programa Nadalxogo 2010, unha atractiva oferta de actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil de Compostela. Todos os días, agás o 24 e o 31 de decembro, o Multiúsos de Sar abrirá as súas portas en horario de 17:00 a 21:00 horas a un mundo de lecer con obradoiros, teatro, contacontos e deportes, no que as familias compostelás atoparán un espazo ideal onde compartir estas singulares festas.

Os concelleiros de Educación, Mercedes Rosón, e de Deportes, Bernardino Rama, presentaron o programa do Nadalxogo 2010, que este ano se abre, o 23 de decembro, ás 19:00 horas, cun concerto de Pablo Díaz no que presentará o seu novo traballo musical, Tic Tac, no que percorre distintos ritmos nos que abarca, a través de varios instrumentos, a universalidade da música. A entrada é de balde ata completar aforo.

No resto de xornadas, segundo explicou a concelleira de Educación, desenvolverase un programa denominado Nadal de Conto, no que se inclúe o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano xira en torno á obra Tintimán en Compostela, de Jaureguízar, cunha programación diaria a disposición dos asistentes na oficina de información.

Tamén destacou a actividade denominada A Caixiña dos Mistos, con obradoiros entre os que se inclúe un de plastilina e outro sobre cinema infantil sobre rodas.

Lecer para todos
O concelleiro de Deportes describiu a oferta de lecer, non sen antes agradecer o traballo dos departamentos de Educación e de Deportes, ademais do persoal do Multiúsos do Sar, que terán que traballar arreo para ter todo listo o 23, xa que na noite anterior xoga no recinto o Obradoiro. O mesmo sucederá cando toque retirar todo o día 3, posto que o equipo de baloncesto xoga tamén ao día seguinte.

No capítulo deportivo, os nenos que asistan poderán practicar tenis de mesa, bádminton, deporte Wii e esgrima, ou saltar nas camas elásticas. Tamén haberá obradoiros de cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma e papiroflexia. Entre as actividades lúdico-recreativas destacou a pista de coches de choque, o carrusel de cochiños, o carrusel Dragón-re ou os inchables.

Neste punto, Bernardino Rama tivo un recordo para unha actividade que naceu con Nadalxogo, o rocódromo, que en breve terá un espazo fixo na cidade, en concreto no pavillón de Fontiñas. Abrirase no mes de xaneiro.

Espazo para os máis pequenos
Como en pasadas edicións, nesta tamén haberá un espazo específico para os máis pequenos, de 3 a 5 anos, con estruturas adaptadas para eles: parque de xogos, parque infantil de tráfico, obradoiros varios e outras actividades. Os pais disporán dun lugar para o cambio de cueiros e dunha zona de merenda.

Actividades extraordinarias
O programa de Nadalxogo complétase con actividades extraordinarias diarias, segundo o seguinte calendario
- Sábado 25: Barafunda. Animación con Antón e o Apalpador (contacontos).
- Domingo 26: Espectáculo do Mago Adri.
- Luns 27: O Show dos Pallasos con Pocoyo, Piolín e Silvestre.
- Martes 28: O Show dos Pallasos cos Simpson e o Pato Donald.
- Mércores 29: O Show dos Pallasos con Bob Esponxa, Shrek e Fiona.
- Xoves 30: O Show dos pallasos con Mickey Mouse, Minie Mouse e Hello Kitty.
- Sábado 1: Espectáculo do Mago Joan.
- Domingo 2: O Show dos Pallasos con Pocoyo, Mickey Mouse, Minie Mouse, Bob Esponxa e Pato Donald
- Luns 3: Carteiro Real e obradoiros de cartas para os Reis Magos.

Serán 11 días de actividades, entre os días 23 de decembro e 3 de xaneiro. O Concello de Santiago destinou un orzamento de 68.500 euros a esta edición de Nadalxogo.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal