Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
MEDIO AMBIENTE

As cidades Patrimonio da Humanidade de España presentan un percorrido inédito polo seu patrimonio natural

Acto de presentación.
Ampliar Acto de presentación.


Portada da publicación.
Ampliar Portada da publicación.


16/12/2010 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a través da súa Comisión de Medio Ambiente, presentou o libro Patrimonio natural. Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España, unha obra na que mediante un percorrido inédito, literario e visual, búscase dar a coñecer e potenciar os valores naturais das trece cidades que integran o Grupo.

A obra descobre a paisaxe oculta de cada unha delas: a contorna natural que hai máis aló dos monumentos e da arte, a flora e a fauna, os parques, os xardíns, os hortos, os patios, os ríos ou o litoral. No acto estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos; o editor Henrique Alvarellos; a escritora Marilar Aleixandre; e o fotógrafo Fuco Reyes, autores estes últimos, respectivamente, do texto e das fotografías do percorrido por Compostela nesta obra.

Elvira Cienfuegos mostrou a satisfacción do Concello de Santiago, porque "esta obra foi unha proposta que se realizou dende Compostela ao resto de cidades patrimonio, na liña de comezar a escribir unha historia verde destas urbes". Ademais, dixo, "alegrámonos tamén por que sexa unha empresa de Santiago quen recibise a encomenda, despois de gañar o concurso público fronte aos outros sete aspirantes", e aínda por riba, "a autora e o fotógrafo escollidos para o capítulo de Compostela xuntan os seus grandes méritos nos campos da literatura e da fotografía coa súa senbilidade e coñecemento medioambiental".

A edil indicou tamén que "o produto final é de gran calidade en todo o seu conxunto. Na parte que lle toca á nosa cidade tentamos incidir nesa visión alternativa, diferenciada, dos pequeno detalles que configuran o noso patrimonio natural, cunha proposta suxestiva e sorprendente que convida a mergullarse nesa Compostela viva, na Compostela verde". "Non era doado compaxinar a variedade estilos, de autores e de cidades para conseguir un libro de prestixio que descubra paisaxes agochadas nestas trece cidades, mais o resultado final é enormemente satisfactorio", concluíu.

Patrimonio natural. Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España
Este libro ten dous grandes obxectivos: por unha banda, dar resposta á crecente preocupación social e das administracións pola transformación do territorio en paisaxe, unha máxima que se podería resumir en planificar de modo sustentable o desenvolvemento urbano, impulsar as zonas verdes en equilibrio co territorio, potenciar a educación ambiental dende unha idade temperá e que todo iso redunde na mellora da calidade de vida dos cidadáns. A primeira edición consta de 11.000 exemplares para distribuír por toda España e inclúe un DVD interactivo mediante o que se pode acceder e gozar, dunha forma atractiva e multimedia, a todos os contidos da obra así como ampliar a información.

Doutra banda, a obra responde á demanda dun perfil de visitantes inquietos, preparados, que buscan circuítos alternativos como zonas verdes, espazos naturais, parques e xardíns ou especies singulares de flora ou fauna. Para todos estes viaxeiros e tamén para todos aqueles que habitan as cidades, que desexan cada vez máis coñecer os atractivos naturais dos seus respectivos espazos urbanos. Editado por Alvarellos Editora, consta de trece capítulos, un total de 224 páxinas, 200 fotografías e a participación de 26 recoñecidos escritores e fotógrafos, que traducen en palabras e imaxe esta riqueza tan pouco coñecida e valorada dos espazos urbanos

O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, integrado por Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo, está convencido de que o futuro das súas cidades, únicas en riqueza monumental e patrimonial, require tamén o impulso de accións firmes que poñan en valor os seus recursos ambientais, porque diso dependerá o benestar das novas xeracións.

Os autores e as súas cidades
En Santiago de Compostela, Marilar Aleixandre segue as pegadas das matogueiras, os paporrubios, as pedras e os súas ouricelas que habitan a cidade máis alternativa, unha cidade de sabugueiros e carballos. Con fotografías de Fuco Reyes.

Juan Van-Halen percorre os Cerros e o río Henares, pulmóns de Alcalá de Henares, á vez que nos transporta á cidade máis literaria, coas fotografías de Iván Espínola.

En Ávila, Carlos Reviejo e Antonio Estrela ollan a cidade extramuros dende o adarve do seu maior monumento, xunto coas ribeiras do Adaja, o Soto, etc. Con imaxes de David Castro.

O Paseo de Cánovas ou os parques do Rodeo ou do Príncipe son o eixo sobre o que transita o percorrido que nos propón, para Cáceres, Santos Domínguez, con fotografías de Vicente Xato.

En Córdoba, o relato poético e onírico de Nacho Montoto e a inmersión na Albolafia, "la Córdoba más salvaje, libertina y auténtica". As imaxes son de Francisco González.

Cuenca retrátase dende o aire. O seu fotógrafo é Javier Romero. Os textos, de José Luís Muñoz: "La ciudad se amolda y se retuerce siguiendo los cauces de sus ríos mayores..."

En Eivissa descendemos, da man de Manu San Félix (texto e fotografías) ata os bosques submarinos, as pradarías de posidonia, o auténtico tesouro baixo a superficie.

Máis de duascentas especies de aves aniñan na cidade de Mérida e os seus arredores. Julián Rodríguez e Toñi Escobero lévannos polas marxes do Guadiana, o cerro de Sierra Carija, Cornalvo ou Proserpina. Con fotografías de Vicente Jato.

En Salamanca, con Juan Francisco Blanco nos textos e David Arranz nas imaxes, detémonos no espírito naturalista de Unamuno, a canle de vida do Tormes ou o silencio dos hortos dos conventos.

San Cristóbal de la Laguna, a "fresca lagoa"que definiu Lope de Veiga, móstrasenos diferente a través da pluma de Juan Manuel García Ramos e as fotografías de Jaime Ramos Friend. Dragos, araucarias, verodes, cotorras, tórtolas, canarios...

Segovia é, aquí, a cidade modélica do interior continental. Rocas, gargantas, rochas, ao pé da Serra. Os textos pertencen a Eduardo Martínez de Pisón e as imaxes son de Fernando Zayas.

Os bosques mediterráneos, os areais, o Parc do Francolí, o Camp de Mart, o Pont do Diable ou o Mèdol son algúns das paraxes onde se detén Isaac Albesa en Tarragona, acompañado do fotógrafo José Carlos León.

Finalmente, Toledo. O voo dos vencellos que debuxa o ceo da cidade, os meandros do Tajo, os miradoiros ou o val. Retratados por Joaquín Copeiro na narración e Alfredo Copeiro nas imaxes.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal