Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CIDADE HISTÓRICA

"Compostela 2021. A cidade intuída", un congreso para imaxinar a cidade na que desexamos vivir neste século

Olga Pedreira e Javier Fernández.
Ampliar Olga Pedreira e Javier Fernández.


16/12/2010 "Coa finalización deste ano Xacobeo 2010 e ata a chegada do próximo no ano 2021 ábrese un amplo paréntese temporal que non deixa de ser unha boa oportunidade para pór en común e imaxinar que futuro queremos para a nosa cidade". Con estas intencións comunicou a concelleira da Cidade Histórica, Olga Pedreira, a celebración do congreso Compostela 2021. A Cidade intuída, acompañada por Javier Fernández, xefe da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación.

A edil indicou como "agora se abre este período, o suficientemente amplo, que se pode aproveitar para facer unha reflexión do punto de vista urbanístico que, partindo sempre dunha focaxe de caracter técnica, vai convidar á veciñanza a repensar a cidade na que desexamos vivir neste século XXI". Seguindo este criterio, a Concellería de Cidade Histórica vai celebrar no vindeiro mes de marzo este congreso para o que se está traballando, dende xa, con diferentes mesas de traballo nas que están implicados técnicos do Concello e especialistas nas diferentes materias.

Olga Pedreira explicou que estas sesións de traballo "están divididas en tres grandes áreas: patrimonio cultural no territorio, contextualización na cidade comtemporánea e espazo público na cidade histórica". "Finalizarase cunha gran xornada de portas abertas no Teatro Principal os días 1, 2 e 3 de marzo, nas que se exporá e someterá á opinión da veciñanza os resultados destes traballos previos", resaltou a concelleira da Cidade Histórica. Entre os expertos que participarán neste traballo destacan Manolo Gallego, Teresa Gali Izard, Francisco Mangado, Víctor López Cotelo, Gonçalo Byrne, Juan Domingo Santos Emiliano López e Mónica Rivera.

No grupo de traballo sobre o patrimonio cultural no territorio tratarase de indagar sobre as posibilidades de recuperar o tecido tradicional dos camiños e núcleos históricos e dos discursos fluviais existentes xerando un novo uso e disfrute do territorio e da súa cultura etnográfica. Xa na contextualización na cidade contemporánea, procurarase reflexionar sobre a relación entre o novo e o vello, a súa coherencia e lectura unitaria, permitindo cualificar a ambos mediante unha axeitada engranaxe que potencie o seu carácter de conxunto. Para o espazo público da cidade histórica tratarase de adiantar un modelo arquitectónico de cidade, contada a través do seu espazo público e a arquitectura que o define.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal