ALCALDÍA

O alcalde pide un compromiso claro de continuidade das obras da Cidade da Cultura en 2014 e de construción das súas conexións

10/12/2010 Tras o anuncio da apertura dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura o 12 de xaneiro, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recordou que o Concello "reivindicamos dende hai tempo que a única maneira de pola en valor é abríndoa". Non obstante, segue a considerar que "sen conexións exteriores, a Cidade da Cultura estará coxa".

Sánchez Bugallo dixo non estar satisfeito co anuncio de paralización dos dous edificios pendentes durante os anos 2011, 2012 e 2013, pero amosou a súa disposición, tendo en conta o escenario económico, a "asumir esta paralización sempre que se aproveite este período para resolver as conexións coa autopista e coa cidade e exista un compromiso claro de que en 2014 se reanuden as obras". "De non darse nin unha cousa nin a outra, para nós non sería aceptable", confirmou.

Folga de controladores
Na súa habitual comparecencia ante a prensa dos venres, o alcalde tamén analizou o conflito dos controladores, recordando que "o aeroporto de Santiago era o que máis viña sufrindo os abusos deste colectivo durante moitos días e en determinadas quendas nas que os controladores non aparecían". Denunciou esta "estratexia de presión inaceptable, porque non se poden utilizar como reféns a milleiros de persoas que non teñen que ver coas súas reivindicacións".

Sobre a incidencia en Santiago do peche do espazo aéreo e segundo os datos de Hostalería, cifrouna nunhas perdas de entre o 20% e o 25%. Se ben indicou que anulación de reservas se situou no 40%, estas baixas quedaron compensadas, dixo, por visitantes que viñeron por estrada ou polos maiores días de estancia aos que se viron obrigados outros.

Tras cualificar as medidas adoptadas polo Goberno como "absolutamente imprescindibles, xustificadas e necesarias", expresou a necesidade de que se "tomen as medidas necesarias para que isto non volva a pasar".

800 aniversario da consagración da Catedral
A propósito dos actos de celebración en 2011 do 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago, o rexedor municipal afirmou que "van ben encamiñados", se ben recoñeceu que "imos co tempo demasiado xusto". Este retraso "requirirá un gran esforzo, sobre todo no primeiro trimestre", pero dixo confiar en que "no segundo trimestre xa veremos resultados positivos".

En concreto, apuntou o seu desexo de que se cumpran as datas de remate da obra do futuro Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago, na antiga sede do Banco de España. Deste xeito poríase inaugurar canto antes a exposición prevista no mesmo sobre o Santiago do século XIII.

Transporte metropolitano
Finalmente, Sánchez Bugallo apuntou a súa satisfacción pola sinatura do convenio para posta en marcha do transporte metropolitano e do posterior convenio bilateral para a instalación das máquinas canceladoras. Indicou que é un "paso importante" e reiterou a "disposición" do Concello neste tema.

Agardando que comece a funcionar canto antes, recordou a necesidade de que s constitúa "unha entidade ou consorcio que regule o transporte metropolitano no seu conxunto". Neste sentido, manifestou a súa preferencia pola fórmula do consorcio.

Compartir: