Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

Chega o Nadal cunha exposición de Korda e unha ampla oferta musical

A coñecida fotografía do Che Guevara realizada por Alberto Korda, protagonista dunha exposición e do cartel da programación.
Ampliar A coñecida fotografía do Che Guevara realizada por Alberto Korda, protagonista dunha exposición e do cartel da programación.


Paulo Rodríguez presentou o calendario cultural de decembro e xaneiro.
Ampliar Paulo Rodríguez presentou o calendario cultural de decembro e xaneiro.


03/12/2010 O director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentou a programación cultural de decembro e xaneiro en substitución da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde. Unha oferta que está protagonizada pola exposición retrospectiva do fotógrafo cubano Alberto Korda, mundialmente coñecido polo seu retrato do Che Guevara, que estará do 22 de decembro ao 27 de marzo no Auditorio de Galicia.

Ademais, Rodríguez salientou os sete concertos que ofrecerá a Real Filharmonía de Galicia nestes dous meses, con especial fincapé no de Nadal, con Ros Marbà como director, acompañado polo Orfeón Pamplonés; e no de Reis, dirixido por Paul Daniel e co tenor Benjamin Bernheim.

E como todos os Nadais ten lugar Todo Lírica 2010, o X Festival de Zarzuela de Santiago, que se celebra no Teatro Principal, con actuacións os días 29 de decembro, 3 e 4 de xaneiro. A Banda Municipal continúa cos seus concertos tradicionais dos domingos do Principal, agás desde o 10 de xaneiro ata o 13 de febreiro, cando o Teatro está en obras, polo que as súas actuacións terán lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

O sábado 4 de decembro terá lugar o segundo concerto desta temporada de Sons da Diversidade, co congolano Lokua Kanza, e en xaneiro, o domingo 16, será a quenda de Carmen Linares, unha das grandes voces do flamenco.

Nestes dous meses tamén haberá unha substanciosa oferta do programa didáctico do Auditorio, con Sarabela Teatro interpretando A esmorga; a Real Filharmonía cun programa En torno a Bach; a Banda Municipal; e a ópera A cincenta, de Rossini, producida polo Gran Teatre del Liceu e patrocinada pola Obra Social La Caixa.

En canto a teatro se refire, pasarán por Compostela varias producións galegas, como O cranio furado, o éxito da temporada, con Mofa e Befa dirixidos por Quico Cadaval; Sarabela Teatro con A esmorga; Teatro do Morcego con A nona; e Los Títeres de Mambrú dende Cuenca.

Continúa tamén a programación de +Curtocircuíto, cunha sesión de curtas de países lusófonos e outra de curtas para o público máis novo. Ademais, o programa Apalpando as ilusións, con 135 actividades transversais para todos os públicos: obradoiros, maxia, música, teatro, monicreques, cine e accións para conciliar a vida laboral e familiar. Desenvolverase ata o 7 de xaneiro en 30 centros e locais socioculturais, ademais do Auditorio de Galicia e o Teatro Principal.

En canto ás exposicións, ademais da de Alberto Korda, inaugúrase Poesía suspensa na Zona C, que poderá verse até o 30 de xaneiro, e continúa Outumuro Looks no Auditorio ata o 20 de xaneiro.
Documentos relacionados

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal