Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
ALCALDÍA

O alcalde constata tras 25 anos como Patrimonio da Humanidade un Casco Histórico "rehabilitado, vivo e competitivo"

O alcalde compostelán e o xerente do Consorcio en rolda de prensa.
Ampliar O alcalde compostelán e o xerente do Consorcio en rolda de prensa.


03/12/2010 Cando se cumpren 25 anos da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (4 de decembro de 1985), o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou de "extraordinario", o balance deste período. Os principais indicadores da evolución da Cidade Histórica nesta etapa son recollidas nunha publicación editada polo Consorcio de Santiago.

Sánchez Bugallo recordou que aquel nomeamento como Patrimonio da Humanidade "deu universalidade á nosa cidade" e supuxo que "o noso patrimonio e a súa significación foran recoñecidos como parte da historia común de Europa e mesmo de América Latina". Hoxe, 25 anos despois, afirmou que atopamos un Casco Histórico "rehabilitado na súa maior parte, habitado, vivo e competitivo".

Da evolución da Cidade Histórica neste período falan, por exemplo, os 2.900 edificios que, sen contar os edificios monumentais había en 2008, tendo en conta que en 1989 eran 2.704. O 83,35% dos edificios atópase en bo estado de conservación e tan só o 4,11% en mal estado. As políticas de rehabilitación foron as culpables do paso de mal a bo estado de 195 edificios neses vinte anos.

A evolución da vivenda de 1989 a 2008 revela que o uso residencia da Cidade Histórica se mantivo, consolidando o obxectivo central da recuperación urbana. En 2008 había 6.347 vivendas ocupadas (86,25%) e 1.012 baleiras (13,75%). O peso relativo da vivenda baleira no conxunto diminuíu.

Cambio na dinámica poboacional
"Viñamos dunha dinámica de descenso continuado e de envellecemento da poboación do Casco Histórico, freouse ese aluvión e, dende o 2004 comezouse a medrar de forma moderada", indicou o alcalde a propósito da evolución da poboación. O conxunto da poboación desta parte da cidade estímase en 15.246 habitantes, dos que 11.161 son poboación empadroada residente e 4.085 poboación transeúnte, constituída na súa meirande parte por estudantes universitarios".

Neste punto, o alcalde quixo resaltar a redución que se ten producido no tamaño da unidade familiar, que agora se sitúa en 2,57 membros. O xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, constatou tamén esta dinámica social, fronte á crenza de que diminúe a poboación da Cidade Histórica por abandono. "Hai máis vivendas ocupadas, pero se a poboación non aumenta en maior proporción é porque a unidade familiar é menor", explicou.

Igualmente, o alcalde quixo desbotar a crenza de que no Casco Histórico vive maioritariamente xente maior, afirmando que a idade da poboación está ao nivel do resto da cidade. A media de idade para a Cidade Histórica é de 43,85 anos, cifra inferior á media autonómica (44,65 anos).

Outro indicador analizado polo rexedor municipal foi a presenza de poboación estranxeira, con 685 habitantes (6,14%) respecto do total da zona. De feito, só o 47,60% de habitantes naceron en Santiago de Compostela, unha porcentaxe tamén semellante ao que se dá noutras partes da cidade. Nestas cifras constátase unha diferenza entre a taxa de poboación nada no estranxeiro e a poboación de nacionalidade estranxeira, que se xustifica pola presenza de inmigración de retornados e os seus descendentes.

Salto cualitativo nos locais
Finalmente, Sánchez Bugallo destacou o "salto cualitativo" que se deu en canto á tipoloxía dos locais, especialmente no campo da hostalería e do comercio. Tanto o presidente coma o xerente do Consorcio quixeron desmentir aquí a falsa crenza dun incremento notable dos locais de hostalería nestes anos. Por contra, o que se si se produciu na hostalería foi un proceso de modernización e diversificación nos últimos vinte anos.

Tamén se rexistrou unha dinamización dos usos dos locais: grandes dotacións culturais, parques públicos, sedes de fundacións, edificios institucionais, instalacións polideportivas, estacionamentos, instalacións hoteleiras e equipamentos universitarios. En particular, destacou o xerente do Consorcio o crecemento do peso das oficinas (do 8,63% en 1989 ao 16,71% en 2008) e a grande expansión dos servizos persoais, que representan o 6,9% dos locais.

Cara o futuro, o alcalde indicou que o obxectivo é seguir traballando na rehabilitación, completando o número de edificios en condicións óptimas, continuar a renovación da hostalaría e do comercio e aumentar a diversidade do Casco Histórico. Na súa opinión, iso será posible seguindo na liña do xa realizado, porque hai "un bo proxecto e continuidade".

Exposición e ciclo de conferencias
Para celebrar este 25 aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade, o Consorcio quere organizar unha exposición que mostre a evolución desta etapa. A mostra abrirase no futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago, cando as obras do mesmo estean rematadas.

Ademais, encargóuselle ao ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez a coordinación dunha ciclo de conferencia e mesas redondas.

Folga de controladores
Na súa comparecencia ante os medios, o alcalde falou tamén da folga de controladores en Lavacolla e lamentou as "graves consecuencias" deste conflito, polo que "se fai reféns a milleiros de persoas". Denunciou o "abuso" e augurou que, de manterse o problema, ocasionaría "danos moi importantes ao comercio e á hostalería da cidade", pois "son decenas de miles de persoas as que teñen feitas as súas reservas para o período do 4 ao 9 de decembro". Neste sentido, expresou a súa confianza en que un Decreto do Consello de Ministro deste mesmo venres solucione este tema.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal