Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Un rastrillo recadará fondos para catro institucións benéficas no Nadal Solidario

Guadalupe Rodríguez e Rosa Rodríguez presentaron o Nadal Solidario.
Ampliar Guadalupe Rodríguez e Rosa Rodríguez presentaron o Nadal Solidario.


Rolda de prensa para explicar a campaña.
Ampliar Rolda de prensa para explicar a campaña.


Cartel do Nadal Solidario.
Ampliar Cartel do Nadal Solidario.


02/12/2010 A Concellería de Participación Cidadá aposta un ano máis pola solidariedade coa posta en marcha, en colaboración coa revista Made in Santiago, da campaña Nadal Solidario. Nesta edición, ademais da tradicional recollida de alimentos e xoguetes para doar á Cociña Económica, Cottolengo, Cáritas e Albergue de Xoán XXIII, celebrarase un rastrillo solidario o sábado 18 e o domingo 19 de decembro.

Neste rastrillo solidario, os comerciantes porán á venda os seus stocks e outros produtos, destinando unha porcentaxe das súas vendas que consideren oportuna ás entidades beneficiarias. Pero calquera cidadán tamén se pode sumar a esta campaña como voluntario, monitor de actividades, preparando comidas tradicionais, etc.

No rastrillo non só venderán artigos os comercios, xa que a organización tamén recollerá roupa usada, pero en bo estado, que se venderá igualmente. O recadado tamén irá para as catro entidades beneficiarias.

A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e a directora de Made in Santiago, Rosa Rodríguez, presentaron este Nadal Solidario e destacaron a boa acollida que está tendo a iniciativa do rastrillo. Agardan que nos vindeiros días sigan sumándose colaboracións a unhas xornadas que estarán complementadas por diversas actividades lúdicas e mesmo un almorzo solidario o sábado 18.

Recollida de alimentos e xoguetes
Impulsada polo éxito e compromiso solidario da primeira edición de 2009, esta segunda edición do Nadal Solidario convoca de novo aos veciños e veciñas a aportar toda clase de alimentos en bo estado non perecedoiros, tales coma pastas, arroz, galletas, conservas, aceite, especias, froitos secos, legumes, botellas e latas, marmeladas, cereais, tetrabricks, doces ou turróns, entre outros.

A campaña tamén está aberta á recollida de xoguetes novos. Os alimentos e xoguetes poden entregarse eses días 18 e 19 na Casa das Asociacións ou no punto de recollida de Área Central.

O Nadal Solidario é un evento organizado pola Concellería de Participación Cidadá en colaboración con Made in Santiago. Conta coa colaboración da Santiagosiete, Cruz Vermella, Comercio Xusto, Área Central, Santiago TV e El Correo Gallego. A todos eles quixo agradecer a concelleira a súa implicación.

]As catro institucións beneficiarias

Cottolengo do Pai Alegre
Atendido polas Servidoras de Xesús para servizo das mulleres enfermas incurables máis pobres, levan ofrecendo asistencia en Santiago de Compostela dende o 22 de xullo de 1951. A estas relixiosas no lles está permitido pedir esmola. Viven do que libremente deciden aportar os doantes que se achegan ata as súas instalacións do Monte do Seixo no barrio do Castiñeiriño.

Actualmente ofrecen espazo para algo menos de 60 mulleres –o Cottolengo compostelán non acepta homes- que atopan entre as súas paredes un dignísimo lugar onde pasar os últimos días das súas vidas rodeadas de cariño e paz. Na actualidade contan cunha decena de menores de idade enfermas e abandonadas.

Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela
Cáritas é unha entidade de acción caritativa e social creada pola Conferencia Episcopal en 1947. Entre os seus obxectivos fundacionais destacan a axuda á promoción humana e ao desenvolvemento integral da dignidade de todas as persoas que se atopan en situación de precariedade e exclusión social.

Na súa traxectoria, Cáritas asume un triple compromiso na súa acción social: informar, denunciar e sensibilizar á opinión pública sobre as situacións de pobreza e vulnerabilidade, as súas causas, consecuencias e a posibilidade de participación no cambio. En toda España existen 68 Cáritas diocesana como a compostelá e logran os seus obxectivos grazas ás achegas de doantes anónimos que colaboran de forma desinteresada cos seus fins humanitarios.

Albergue de transeúntes de Xoán XXIII
Abriu as súas portas en 1971 como centro de acollida a peregrinos, pero ao pouco converteuse no que é a día de hoxe: un lugar temporal de descanso para os ‘sen teito’. Os seus usuarios poden pasar ata un máximo de sete noites no albergue, que é completamente gratuíto. Son os irmáns franciscanos quen están á súa fronte facendo memoria do encontro de Francisco de Asís cos leprosos.

Cociña Económica das Irmás da Caridade
Cada día, uns 140 pobres comen cada día no seu comedor da Praza de Irmán Gómez. Se ben o seu comedor ten capacidade para unhas 80 persoas, nos últimos tempos as relixiosas chegan a atender a unha media de 130-140 persoas. Ao longo dun mes, entre pequenos almorzos, xantares e ceas , as Irmás da Caridade serven máis de 7.000 menús aos máis necesitados.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal