TURISMO

O Pleno aproba unha transferencia de capital de 200.000 euros para INCOLSA

03/12/2010 O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, aprobou unha transferencia de capital de 200.000 euros para Turismo de Santiago – INCOLSA, procedente de remanentes orzamentarios do Concello.

O concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, indicou que esta transferencia, que incrementa o orzamento ordinario de INCOLSA para 2010, pretende dotar de liquidez á empresa e cumprir coa obriga legal de estabilidade orzamentaria a remate de ano, ao non poder incorporar contablemente os compromisos de convenios que vencen en 2011.

Esta transferencia "supón modificar o orzamento de INCOLSA e dotarnos dunha liquidez de tesourería e, nun futuro, reforzar a estrutura económica da empresa". Así, dixo, "teremos a empresa en equilibrio" mentres non se producen as incorporacións de cartos "dos convenios que vencen o ano que vén". E do mesmo xeito, "cumpriremos co procedemento de estabilidade orzamentaria, que nos obriga a xustificar os gastos a 30 de decembro".

Nestes termos tamén se pronunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, segundo o cal esta transferencia resolve un "problema conxuntural de tesourería". Xa cara a formulación dos orzamentos de INCOLSA para 2011, unha vez se materialicen os compromisos pendentes, estas cantidades "incorporaranse como reserva ou ampliación de capital, redundando na solvencia da empresa", engadiu.

Compartir: