Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

O alcalde di que os datos de outubro "explican ben ás claras cal é o peso de Santiago de Compostela como porta de entrada do turismo en Galicia"

Aeroporto de Lavacolla.
Ampliar Aeroporto de Lavacolla.


26/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou os datos do Instituto Nacional de Estatística relativos ás pernoctacións do mes de outubro. Cualificou estes datos como "extraordinarios" e indicou que os mesmos "explican ben ás claras cal é o peso de Santiago como porta de entrada do turismo en Galicia".

O número de pernoctacións en outubro de 2010 incrementouse en 43.927 respecto ao mesmo mes do ano 2009. Isto supón un crecemento do 39,67%. "Se o turismo de Santiago vai ben, o turismo de Galicia irá ben", indicou Sánchez Bugallo a propósito destas cifras.

Tamén se referiu o alcalde ás liñas de baixo custo, para amosar os datos de rendibilidade das mesmas en cada aeroporto. Así, indicou, a Xunta de Galicia investiu en 2010 1.539.166 euros nestas liñas de baixo custo en Santiago, a través das cales chegaron 277.665 pasaxeiros. En Vigo o investimento foi de 1.394.000 euros e os pasaxeiros chegados ao seu aeroporto 21.257, polos 1.348.000 euros e 27.226 pasaxeiros da Coruña.

Deste xeito, resaltou, o custo por pasaxeiro das liñas de baixo custo foi en Santiago de 5,54 euros, polos 49,41 da Coruña e os 65,57 de Vigo. "Existe unha diferenza de rendibilidade dun 900% e dun 1.200%", resumiu.

Conexións co aeroporto
A propósito da conexión do aeroporto coa cidade, o rexedor municipal recordou que a Xunta de Galicia traballa coa hipótese do metro lixeiro. "Esa é a dirección na que se está traballando e na que se debe traballar", dixo, desbotando a posibilidade dunha conexión a través do AVE polo retraso e custo desmesurado que esta suporía. Neste sentido, recordou os ratios de xiro necesarios ou as diferenzas de cota que habería que salvar, entre outros aspectos.

Malia considerar a opción correcta a do metro lixeiro ou dun tren lanzadeira, tal como se establece no propio Plan Xeral coa oportuna reserva de solo, o alcalde agarda que o estudo de viabilidade, aínda non adxudicado, "se faga antes dos catro anos que se lle concede ao equipo redactor que resulte". Así, considerou insuficientes as partidas de 200.000 euros de 2010 e de 750.000 euros para 2011.

Polígono do Tambre
Outro dos asuntos dos que falou o alcalde na rolda de prensa foi a modificación do Plan Parcial do Polígono do Tambre, aprobada no Pleno ordinario do 25 de novembro. Vinculounos con outros plans tramitados como os da Sionlla, Campus Universitario e A Pulleira para indicar "cales son as prioridades do Goberno municipal: solo industrial, vivenda protexida e Universidade".

Concretada esta modificación, realizada "a proposta da Asociación de Empresarios e en perfecta coordinación coa mesma", o seguinte paso será outra modificación, pero neste caso de adaptación ao Plan Xeral, "definindo a fachada desta superficie industrial que dá á estrada nacional". Indicou que esta fachada ten 1,5 quilómetros aproximadamente.

CHUS
Finalmente e en relación ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Sánchez Bugallo expresou a súa alegría polo feito de que "o presidente da Xunta me dea a razón sobre o que levo advertindo hai meses coa máxima preocupación; e alégrome porque sei que se están tomando medidas nas últimas semanas".

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal