Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
IGUALDADE

Os maltratadores, sen lugar nos locais de hostalería de Santiago de Compostela

Mar Martín, Xosé A. Sánchez Bugallo e Jesús Sordo cos distintivos da campaña.
Ampliar Mar Martín, Xosé A. Sánchez Bugallo e Jesús Sordo cos distintivos da campaña.


Rolda de prensa na sede da Asociación de Empresarios de Hostalería.
Ampliar Rolda de prensa na sede da Asociación de Empresarios de Hostalería.


25/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín; e o presidente da sección de Restauración da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca, Jesús Sordo, asistiron ao acto organizado pola devandita Concellería con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Na sede da organización hostaleira repartiuse material baixo o lema "Neste espazo non maltratadores" para colocar nos locais.

Os establecementos de hostalería poderán lucir adhesivos, carteis e mesmo colgantes nos pomos das portas co lema "Neste espazo non maltratadores", afirmando así o seu compromiso con esta lacra social. Un ano máis, a Concellería de Igualdade quixo poñer o acento nos propios homes e na loita contra as crenzas nas que aniña a violencia de xénero.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recordou na súa intervención que a violencia de xénero é "un problema que de toda a sociedade" e destacou a importancia de que esta se conciencie sobre "esta lacra que envelena as relacións e nos empobrece a todos". Por iso, convidou a implicarse na loita contra a violencia tanto ás institucións como a todos os axentes sociais.

Aínda recoñecendo o "inmenso" avance en materia de igualdade producido nos últimos anos, recalcou que queda moito por facer. En particular, lamentou o incremento en 2010 do número de homicidios por violencia de xénero, ata situarse no que vai de ano en 64 mulleres e catro menores falecidos.

Pola súa parte, a concelleira de Igualdade, Mar Martín, insistiu en que a violencia de xénero é "un problema dos homes que sofren as mulleres". Na súa opinión, "non debe tolerarse ningún tipo de bromas nin actitudes violentas, físicas ou verbais, contra as mulleres". Por isto, recalcou a necesidade de "illar" aos violentos.

Finalmente e tras recordar algúns episodios que se viven na propia hostalería, constatou que "aínda hai moita resistencia" a que as mulleres alcancen ese estatus de igualdade. Pero afirmou que o éxito nesta loita en prol da igualdade e do "respecto" depende en boa medida da educación.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal