PROMOCIÓN ECONÓMICA

A web da Concellería de Promoción Económica ofrece un espazo de promoción gratuíto as empresas e entidades de Santiago

22/11/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, acompañado do presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel presentou a apertura da web www.maiscompostela.org, e por extensión de Facebook, como ferramenta de traballo e interrelación entre os axentes da Rede de Cooperación Local. Agora, as empresas, entidades, institucións e administracións con sede na comarca de Compostela ou que celebren eventos en Santiago poden promocionarse gratuitamente en internet a través da web de Promoción Económica.

Este novo instrumento configúrase como un espazo interactivo e promocional que completa e, á vez complementa, os servizos e espazos que ofrece o edificio Cersia Empresa ao tecido empresarial compostelá: preincubación de empresas, centro de formación ocupacional e continua, aula de informática, apoio a PEMEs a través de recursos técnicos, etc. O Centro de Recursos e Servizos integrais de Apoio á Empresa dispón ademais dun salón de actos, que vai estar a disposición das empresas e institucións que o precisen, á parte de albergar actos propios dos programas da oficina.

Cando comece a funcionar a pleno rendemento, o Cersia unificará os servizos que actualmente presta Promoción Económica, como o Servizo de Apoio á Empresa e o Servizo Local de Emprego e incorporará outros novos, o que permitirá optimizar recursos e, por conseguinte, mellorar a súa prestación. O Cersia Empresa como espazo físico, e a nova ferramenta web como espazo virtual, constitúen a plataforma perfecta para ofrecer un punto de encontro e promoción do tecido socioeconómico da cidade.

Promoción de empresas e institucións
As empresas e entidades de Santiago pódense promocionar en maiscompostela.org e Facebook maiscompostela a través de distintos espazos: axenda, convocatorias, novas, cursos, axudas e concursos. Esta nova ferramenta permite, ademais, configurar un espazo de colaboración, no que coñecer o que outras empresas e institucións da cidade están facendo en cada momento. A información sobre este servizo enviarase vía correo electrónico a empresas e entidades de Santiago. Esta mesma información difundirase a través de Facebook e subirase a maiscompostela.org, habilitando un enlace na portada.

Unha vez rematado o envío de información a través de correo electrónico, establécese o prazo dun mes de consolidación da nova funcionalidade. Con esta fase consolidada, a Concellaría de Promoción Económica comezará unha campaña de captación de subscritores a maiscompostela.org, informando a entidades e empresas das posibilidades que lles ofrece a web. Esta estratexia verase complementada coa promoción en Facebook, no que actualmente hai 400 amigos/as entre entidades, empresas e persoas interesadas.

Como promocionarse na web
Para poder beneficiarse desta nova ferramenta web, as empresas e institucións interesadas teñen que facer chegar as súas peticións de colaboración nos modelos e formatos establecidos* cun mínimo dunha semana de antelación á celebración do seu evento, a través do correo electrónico redecooperacionlocal@santiagodecompostela.gal. Todos estes eventos estarán identificados como Rede de Cooperación Local, e clasificados entre algunha das seguintes modalidades: concursos, convocatorias, eventos, axudas, novas ou cursos. Identificaranse claramente aquelas actividades que supoñan un custe para as persoas participantes e, cando remate a actividade, realizarase unha valoración de resultados da mesma para enviar a Promoción Económica. Os eventos deberán estar organizados por entidades con sede na comarca de Compostela ou celebrarse en Santiago.

Rede de Cooperación Local
Este servizo amplía o abano de obxectivos de dinamización económica marcados a través da Rede de Cooperación Local (RCL), xurdida en 2004 baixo a concepción de que a cooperación e autocoñemento do tecido socioeconómico de Santiago de Compostela facilita a xeración e incorporación de coñecementos para dar resposta aos retos e problemas das organizacións, permitindo ás empresas dun ámbito territorial inserirse nunha mellor posición nun espazo máis global de competitividade.

955 persoas participaron no que vai de ano en actividades vinculadas á Rede de Cooperación Local, unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo co obxectivo de favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial compostelá a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago.

*Os formatos de solicitude poden atoparse xa en www.maiscompostela.org. A petición de datos refírese á clase de convocatoria, nome da entidade ou empresa que a realiza, entidades ou empresas colaboradoras, enderezo, teléfono, web, identificador en Facebook, correo electrónico, sector de actividade, nome da convocatoria, datas de realización, obxectivos, persoas destinatarias, lugar e prazos de tramitación da solicitude e outras observacións.

Compartir: