Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

O alcalde demanda un "reparto xusto" dos fondos para as liñas aéreas que atenda ao peso de cada aeroporto e á rendibilidade

O alcalde en rolda de prensa.
Ampliar O alcalde en rolda de prensa.


19/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reclamou un "reparto xusto" dos fondos que destine a Xunta de Galicia para financiar conexións aéreas nos aeroportos galegos. Neste sentido, demandou que se teña en conta "o peso específico de cada aeroporto e a rendibilidade do investimento en cada un, tendo en conta que o obxecto principal é o turismo".

¿Qué é xusto e que é máis rendible?", preguntouse Sánchez Bugallo, afirmando que a Xunta ten datos precisos do que lle custaron as liñas subvencionadas en cada aeroporto durante 2010. Recordou as diferenzas de custo por pasaxeiro desas liñas en cada un dos aeroportos e dixo, como exemplo, que "algún concello recibiu máis visitantes a través das liñas que entraron por Santiago que a través das liñas do seu propio aeroporto".

Seguindo con Lavacolla, o alcalde valorou os datos de outubro, no que o aeródromo medrou un 26,3% respecto ao mesmo mes de 2009. O crecemento no conxunto do ano sitúase nun 9,6%. Agarda que esta tendencia positiva se confirme tanto en novembro e decembro, confirmando o importante nivel de crecemento do aeroporto compostelán.

Tamén se referiu aos datos de pernoctación feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística. Ata o 30 de setembro, Santiago rexistrara 1.098.200 pernoctacións. Os datos de setembro supoñen un incremento do 17,05% respecto ao mesmo mes de 2009, "o que supón case o triplo que a media española (+6%) e catro veces máis que a de Galicia (+4%)".

En especial, referiuse ás pernoctacións internacionais, indicando que "un de cada tres estranxeiros que pernoctaron en Galicia fixérono en Santiago". Nestas boas cifras, dixo, "ten moito que ver coas liñas internacionais e co seu mellor funcionamento que noutros aeroportos".

Novos solos industriais
Outro dos temas sobre os que falou o alcalde foi o décimo aniversario de EMUVISSA, recordando o seu papel "na transformación do urbanismo en Santiago". Neses anos, afirmou, construíronse 4.000 vivendas e outras 2.000 están programadas.

Indicou que a prioridade de EMUVISSA para 2011 será o solo industrial. De feito, na Xunta de Goberno do martes 23 (ou nunha extraordinaria), aprobarase a urbanización dos polígonos industriais do norte: Formarís e Costa Vella 3. Isto é posible tras debloquearse a paralización de dous anos motivada por un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio, xa que prevía que o trazado do Camiño de Santiago que está a preparar pasara por un dos polígonos.

Solucionada esta cuestión, poderanse reurbanizar estes dous polígonos, incluíndo a rotonda que os comunicará coa estrada N-550, que tamén servirá para comunicar o polígono industrial da Sionlla. De aí a importancia desta actuación, que se prevé licitar en xaneiro para tela en marcha no primeiro semestre de 2011, comentou.

Orzamentos municipais
Finalmente, Sánchez Bugallo indicou que os orzamentos para 2011 terán como prioridade "preservar os servizos esenciais, prestar apoio aos máis desfavorecidos e contribuír a crear emprego". A partir de aí, dixo, as contas caracterizaranse por unha "espartana austeridade".

Destacou a redución que se producirá no capítulo de investimento, que estimou nuns 10 millóns de euros. Isto é debido fundamentalmente a que o convenio de Cidade Histórica coa Xunta rematará o 31 de decembro e a que o que aínda queda por executar do convenio de travesías se trasladará "de mutuo acordo" coa Xunta ao exercicio 2012.

Tamén se diminuirá o capítulo de gasto corrente voluntario "nunha proporción non inferior á reducida en 2010". Por todo isto e recordando o actual escenario económico, concluíu que "serán, con diferenza, os orzamentos máis baixos deste mandato".

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal