EDUCACIÓN

"La familia C" gaña o III Premio Compostela de Álbums Ilustrados

06/04/2010 O traballo presentado polos barceloneses Mariona Casaba Cortés (ilustracións) e Pep Bruno Galán (texto), titulado La familia C. El tragasables y la mujer barbuda foi o gañador da III edición do Premio Compostela de Álbum Ilustrado, convocado pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora no marco da X Campaña de Animación á Lectura. Nesta terceira convocatoria do galardón participaron 519 traballos procedentes de 22 países

A obra gañadora, La familia C. El tragasables y la mujer barbuda conta a historia dunha familia que adora o circo "e iso dálle cor á súa vida", explicou o autor, Pep Bruno. As ilustracións, realizadas con técnica mixta, destacan polo seu colorido e forza expresiva. En conxunto, é un álbum que o xurado definiu como "imaxinativo, orixinal e moderno". O galardón, cunha dotación de 12.000 euros, conleva a publicación do libro en galego, castelán, catalán, euskera e portugués.

O autor -afincado en Guadalaxara- é licenciado en Filoloxía Hispánica, en Teoría da Literatura Comparada, e diplomado en Traballo Social. É narrador oral e escritor; ademais, imparte cursos, obradoiros e realiza actividades vencelladas aos libros e á animación lectora. Foi membro do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil de Guadalaxara. Ten publicados varios álbums infantís e libros de contos para adultos. Gañou o IV Premio Internacional de Álbum Ilustrado Biblioteca Insular Cabildo de Gran Canaria.

A ilustradora tamén ten experiencia na publicación de álbums para público infantil. Estudou na Escola Massana de Barcelona e completou a súa formación académica en Francia. Participou en diversas exposicións colectivas de gravado e ilustración, e imparte cursos de arte e deseño. Recibiu o Premio da Asociación Profesional de Ilustradores de Cataluña en 2003 e 2009. Ademais, foi seleccionada en 2005 para participar na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o fallo do xurado, que tamén acordou designar como finalistas a Manual del buen paseante. Descripción en veinte minutos, de Raimon Juventeny Corberó (Girona) e Bailar en las nubes, de Vanina Soledad Starkoff (Arxentina). O acto celebrouse no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, onde o xurado fixo as súas deliberacións.

Sánchez Bugallo destacou que se trata dunha convocatoria "moi potente" polo elevado número de orixinais enviados dende países tan diversos. Os membros do xurado que resaltaron a "progresión continua" do certame nas súas tres edicións, tamén se amosaron "abrumados" pola "enorme" cantidade de obras recibidas e "satisfeitos" dos acordos que adoptaron por unanimidade.

519 traballos
A este III Premio Internacional Compostela presentáronse un total de 519 traballos. A cifra supera amplamente a participación da primeira e da segunda convocatorias, con 346 e 266 traballos, respectivamente. Ao galardón optaban máis dun milleiro de autores e ilustradores de 22 países. Por número de candidatos á presente edición, 252 orixinais proceden de España, seguida de Italia con 89, Arxentina con 26 e Portugal con 22. Outros dende os que tamén se enviaron proxectos foron México, Francia, Alemaña, Brasil, Rumanía, Hungría, República Checa, Estados Unidos, Ecuador, Xamaica, Colombia e Bolivia.

O xurado estaba formado pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o tradutor e experto en literatura infantil e xuvenil Xabier Senín; os ilustradores Gusti e David Pintor; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación, José Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Varela, como secretaria técnica.

La Familia C súmase a Cerca, da arxentina Natalia Colombo, e Un gran soño, do mexicano Felipe Ugalde, que gañaron a primeira e a segunda edición do Premio Internacional Compostela, respectivamente. Como as súas predecesoras, Kalandraka presentará esta obra nas principais feiras internacionais do libro, como Boloña (Italia), Frankfurt (Alemaña) e Guadalaxara (México).

O fallo do III Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados marca o inicio da X Campaña de Animación á Lectura que organizan a Concellería de Educación e Kalandraka, en colaboración coa Galería Sargadelos. Co lema "Un gran soño", a campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades dirixidas a pre-lectores, escolares, educadores, bibliotecarios e promotores de lectura, público familiar e, por primeira vez, futuros creadores artísticos.

Compartir: