EDUCACIÓN

Os educadores de música aprenden as técnicas da danza renacentista

01/03/2010 Do 12 ao 14 de marzo, a Escola Municipal de Música acolle un Curso de Danza Renacentista para Educadores de Música, impartido pola profesora Eva Narejos. Trinta profesores esgotaron xa as prazas para participar neste curso, ao que tamén se poderá asistir coma oínte.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou o curso de Danza Renacentista para Educadores de música, acompañada por Blanca Bello, da Asociación de Profesores de Música de Secundaria e Bacharelato (ASOMUSICA), organizadora da actividade; e pola directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez. O curso combinará a práctica dalgunhas danzas concretas do período renacentista con explicacións teóricas para comprender o seu contexto histórico-artístico. Vai dirixido a todo tipo de profesionais do ensino da música, así como a estudantes de calquera nivel ou ámbito relacionado co ensino musical.

A profesora Eva Najeros fará un percorrido por cuestións como a retórica da música e do corpo e as danzas dos séculos XV e XVI. Todo isto complementado con contidos eminentemente prácticos. Os participantes aprenderán os pasos de danzas como A Bassadanza e as súas variantes, a danza italiana no século XV (O Ballo) ou a suite de Branles.

Da profesora, Eva Nájeros, cómpre dicir que iniciou os seus estudos pianísticos e de danza a unha idade moi temperá. Posúe os títulos superiores de Piano, Danza, Pedagoxía e Musicoloxía nos conservatorios superiores de Alacante e de Murcia. Ten unha longa experiencia na práctica do movemento na didáctica da interpretación musical e na investigación no terreo da Danza Histórica. Así, está especializada en danza barroca francesa con Françoise Denieau, Cecilia Gracio Moura, Teresa Alves, e en danza renacentista italiana con Bruna Gondoni. Forma parte de diversas compañías de danza e actualmente compaxina a danza coa docencia como profesora pianista repertorista de canto no Conservatorio Superior de Música "Óscar Esplá" de Alacante.

Direccións relacionadas



Compartir: