BENESTAR SOCIAL

Máis de 600 escolares traballaron por unha sociedade sen prexuízos grazas ás campañas "Iguais en igualdade" e "Xunt@s"

22/06/2009 O Salón Nobre da Casa do Concello acolleu a entrega de diplomas de participación nas Campañas Iguais en igualdade e Xunt@s, desenvolvidas polo Foro de Inmigración en colaboración coa Concellería de Benestar Social. Os alumnos do colexio Eduardo Pondal representaron aos 622 alumnos que participaron nestas dúas iniciativas.

A entrega dos diplomas serviu para facer balance destas campañas. A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, agradeceu a todos os escolares a súa participación e compromiso, que exemplificou honorificamente nunha delas, a arxentina Yamila Benítez. A todos os mozos encomendounos a "avanzar en igualdade, porque dese xeito tamén avanzará en igualdade a sociedade".

A concelleira explicou a experiencia desenvolvida no instituto Eduardo Pondal, onde case 30 alumnos traballaron grazas a Iguais en igualdade en torno ao tratamento que o fenómeno da inmigración ten nos medios de comunicación e aos seus estereotipos. A metade destes alumnos eran precisamente inmigrantes, o que facilitou unha "experiencia moi gratificante", en palabras de Sebastián Fernández, outro dos monitores, de nacionalidade chilena.

En total, segundo lembrou Miguel Fernández, do Foro de Inmigración, participaron nestas dúas campañas 622 alumnas e alumnos, dos que 535 fixérono en Iguais en igualdade e 87 en Xunt@s. A primeira estaba dirixida a alumnos de secundaria e contou con grupos e sesións en catro centros composteláns: Eduardo Pondal, La Salle, Arcebispo Xelmírez II e Compañía de María.

Este último centro foi o que acolleu os tres grupos integrados na campaña Xunt@s, destinado a alumnos de primaria e centrado na sensibilización en torno ao fenómeno da inmigración e en tender pontes entre a experiencia emigratoria galega e a inmigrante. Nas dúas campañas participaron alumnas e alumnos procedentes de países como Alemaña, Angola, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, China, Colombia, Ecuador, Estados Unidos, Italia, Xapón, Panamá, República Dominicana, Suíza, Taiwan ou Venezuela.

As sesións eran unha "chamada á reflexión" e unha invitación a ver cunha "mirada crítica", sinalou Sebastián. Indicou que estas sesións son un exemplo do que na sociedade se debería traducir en "espazos máis dignos e iguais, sen prexuízos e sen estereotipos". Trátase, en definitiva, de promover unha "sociedade intercultural", engadiu Miguel Fernández.

Compartir: