XUNTA DE GOBERNO

Marcial Villamor Varela dá nome a unha nova praza preto do que fora o seu domicilio

21/10/2008 O Goberno local aprobou nomear como praza Marcial Villamor Varela a confluencia da rúa do Olvido coa rúa Castrón D’ouro. Este nome é un dos 69 aprobados polo Pleno o 21 de novembro para designar as novas rúas e prazas da cidade.

A elección do nome de Marcial Villamor Varela para esta praza ten que ver co feito de que tivo o seu domicilio particular no número 18 da rúa do Olvido. Nado en Toques no 1899, trasladouse moi novo a Santiago de Compostela, onde residiu e desenvolveu o seu traballo de ebanista e a súa acción sindical. Foi un dos promotores e membro destacado do Ateneo Literario compostelán, que chegou a ter o seu enderezo do seu domicilio a efectos de notificación.

Xa con anterioridade á proclamación da República, Marcial Villamor é membro da Confederación Regional Galaica da CNT, representando ao Sindicato de Carpinteros y similares de Santiago no pleno rexional celebrado na Coruña en 1930. O 10 de outubro de 1934 é detido cando tiña no seu poder follas de propaganda a favor da amnistía aos presos políticos de esquerda e é condenado a seis meses de prisión. No período que pasa na cadea comeza a colaborar co semanario esquerdista de amplo espectro "Ser". Unha vez rematada a súa condena participa na preparación da convocatoria electoral do 1936.

Foi detido e ordenouse o seu traslado á capital galega. Durante a viaxe, no municipio de Guntín, é asasinado dun disparo na cabeza.

Servizos e Mobilidade
A Xunta de Goberno tamén deu conta da autorización das obras de ampliación de instalacións de alumeado público no acceso dende a rúa dos Irmandiños ata o edificio Witland en Salgueiriños, por importe de 2.899 euros. Esta actuación está incluída na partida fixa contemplada no contrato de xestión da iluminación municipal. No mesmo establécese unha cantidade de 150.000 euros ao ano para obras de modernización, reforma ou ampliación do alumeado existente ou para traballos que redunden en melloras no aproveitamento enerxético, así como para a renovación e reposición das instalacións antigas ou deterioradas.

A proposa da concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, aprobouse o prego de clásulas e iniciouse a contratación da substitución de lámpadas de incandescencia por leds nos seguintes semáforos da cidade: cruce avenida Castelao e Burgo das Nacións, cruce das rúas Hórreo e Pitelos, cruce rúas Galeras e García Sabell, praza Puente Castro e paso de peóns na semirrotonda da Choupana. O orzamento é de 30.148 euros.

Benestar Social
Entre os asuntos tratados tamén estivo a aprobación dos convenios entre o Concello e diversas entidades en materia de Benestar Social. Os acordos subscríbanse coas seguintes entidades: Asociación de Trastorno Unipolar e Bipolar de Galicia (ABISGA), 2.200 euros; Asociación de Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER CORUÑA), 2.200 euros; Asociación Internacional Teléfono da Esperanza (ASITES), 2.200 euros; Asociación Cultural Xoán XXIII, 13.300 euros; Asociación Española contra o Cancro (AECC CORUÑA), 2.200 euros; Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, 29.751 euros; Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista (ASPANAES), 3.100 euros; Escola de tempo libre e animación socio-cultural Don Bosco, 2.200 euros; Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP-GALICIA), 2.200 euros; Universidade de Santiago de Compostela, Voluntariado Social, 2.705 euros; Fundación Secretariado Xitano, 19.700 euros; Cruz Vermella, 11.000 euros; Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, 8.500 euros; Asociación Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paúl, 4.306 euros; Cociña Económica, 10.217 euros; Cáritas Interparroquial, 35.000 euros; Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), 2.705 euros; Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, 2.200 euros; Seminario Galego de Educación pola Paz, 1.700 euros; Asociación Compostelá de Dano Cerebral "Sarela", 2.200 euros Asociación Galega de Espiña Bífida e Lesionados Medulares, 2.200 euros; Asociación Galega de Lupus (AGAL), 2.200 euros; Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos de enfermos mentais, 3.700 euros; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, 2.705 euros; Asociación Síndrome de Down Compostela, 2.705 euros; Asociación Galega de Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, 3.306 euros; Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL), 2.200 euros; e Asociación cultural galega de formación permanente de adultos (Aulas da Terceira Idade), 2.200 euros.

Tamén neste ámbito, acordouse solicitar unha subvención por importe de 24.500 euros ao Ministerio de Sanidade e Consumo con cargo ao Fondo de Bens decomisados por tráfico de drogas. O obxectivo é desenvolver programas de prevención de drogodependencias.

Aprobouse igualmente a concesión de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller para 2008 por un importe total de 17.737 euros.

Nadalxogo 2008
Finalmente, aprobáronse as actividades de Nadalxogo 2008, que se desenvolverá un Nadal máis no Multiusos Fontes do Sar. En breve presentarase o programa desta actividade, que conta cun orzamento de 102.000 euros e coa colaboración conxunta na organización das concellerías de Deportes, Relacións Veciñais, Política Lingüística, Educación, Xuventude e Festas.

Compartir: