URBANISMO

No verán de 2008 estarán en marcha na cidade 2.500 novas vivendas protexidas

30/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo presidiu o acto de colocación da primeira pedra do polígono SUNP-14 de Tras Paxonal, proxecto que conta cun orzamento de case 5.300.000 euros e cun prazo de nove meses.

A urbanización que se construirá na zona de Tras Paxonal (detrás do restaurante Paz Nogueira e en paralelo á avenida de Santiago de Cuba) albergará un total de 382 vivendas, agrupadas en cinco bloques, das cales 306 serán de protección autonómica e as restantes 76, libres de prezo taxado. Un grupo 13 de vivendas unifamiliares destinarase ao realoxo dos propietarios afectados.

A superficie total do polígono ascende a 74.757 metros cadrados, dos que 20.612 se destinarán a novo viario público. Neste eido, destaca a construción dunha rúa paralela á de Santiago de Cuba, que en principio só estará separada desta por unha liña continua, en previsión dunha futura conexión co periférico. Tamén se destinan 31.462 a dotacións, equipamentos e zonas verdes. Destaca a reserva dun espazo para dotación educacional.

O polígono, xestionado pola empresa municipal de vivenda e solo Emuvissa, contará con illas selectivas de residuos urbanos, canalización de enerxía eléctrica, catro centros de transformación, canalización de telecomunicacións e canalización de gas natural.

No que se refire á xardinería e mobiliario urbano, instalaranse 13.404 metros cadrados de céspede ornamental, 243 árbores e arbustos, 2 unidades de xogos infantís, 476 aspersores e difusores emerxentes, 238 luminarias e balizas, 49 bancos, 4 fontes e 88 papeleiras. O orzamento total para a construción do polígono SUNP-14 é de 5.257.340 euros.

Aposta decidida por un modelo
"Polígonos como este –indicou Bugallo– son a expresión dunha cidade en marcha e dunha aposta decidida pola vivenda protexida". Así, apuntou que en xuño de 2008 estarán en marcha na cidade 2.500 vivendas protexidas, da que 2.200 (aproximadamente un 90%) estarano en polígonos promovidos polo propio Concello. "Ningún concello ten unha proporción semellante á nosa", engadiu.

Tamén se referiu ao modelo de vivenda protexida polo que se aposta en Santiago: "Noutros lugares búscanse grandes espazos na periferia para a vivenda protexida, pero aquí, de 16 poligonos, 15 son espazos integrados no propio casco urbano, escollidos para completar o trazado da cidade". Nesta liña, recordou que "no Castiñeiriño están previstos cinco polígonos de vivenda protexida, cun total de 2.000 vivendas, das que antes de final de ano estarán en pleno proceso construtivo unhas 1.300". A isto engadirase a licitación, probablemente tamén antes de final de ano, das obras do Sunp-11 (entre a rúa da Estrada e a igrexa parroquial do Castiñeiriño) e, antes de primavera, das do Sunp-12 (entre a estrada de Ourense e a devandita igrexa).

O rexedor compostelán referiuse tamén á inauguración do novo polígono Sup-6 de Santa Marta, onde se construirán algo máis de 800 vivendas libres, as primeiras das cales se entregarán en breve.

Nova terminal
Trala colocación da primeira pedra, o alcalde deu a súa habitual rolda de prensa semanal, na que, entre outros asuntos, expresou a súa satisfacción pola licitación da nova terminal aeroportuaria de Lavacolla a unha unión temporal de empresas. Indicou que a previsión e que as obras poidan comezar en xaneiro e que poidan estar listas en febreiro de 2007. "Isto supón un adianto de tres anos e dez meses respecto o previsto no Plan Director, que fixaba o remate das obras para antes do 31 de decembro de 2013, e disto ten bastante culpa a insistencia do Concello nos últimos 24 meses", dixo.

Tamén sinalou o seu convencemento de que se chegará a un acordo entre Defensa e o Aeroclube, para así dispor de inmediato dos terreos nos que se construirá o novo edificio.

Compartir: