PLENO

O Pleno aproba unha relación de 69 nomes para novas rúas e prazas

29/11/2007 Os novos polígonos de vivendas xa ocupados e os que se irán abrindo en vindeiras datas fixeron necesario buscar unha relación de nomes cos que bautizar rúas, prazas e parques da cidade, a fin de que os veciños poidan rexistrarse e dar de alta os servizos básicos. Por este motivo e á vista das suxestións formuladas no seu día polas tres formacións políticas, o Pleno aprobou, cos votos favorables dos dous grupos municipais do Goberno e o negativo do PP, unha lista de 69 nomes proposta pola Alcaldía.

A relación inclúe os nomes de personalidades de diversa índole, dalgunhas cidades intimamente relacionadas con Compostela e en recordo dalgúns acontecementos históricos. A lista de rúas comprende ata 28 nomes de mulleres, o que supón, segundo o alcalde, que "nesta lista hai mais nomes de mulleres que todos os que se puxeron na historia de Santiago".

Sobre esta proposta, Sánchez Bugallo indicou que respondía ao desexo do Goberno municipal de "buscar consensos" e de "axudar a resolver problemas". Anunciou tamén que as oito primeiras rúas que recibirán nomes desta lista, correspondentes ao SUP-6 de Santa marta, serán inauguradas o sábado 1 de decembro. O alcalde indicou tamén que esta lista servirá para atender as necesidades ata finais de 2009 aproximadamente e que nesta lexislatura se fará outra proposta de nomes. Deste xeito, terase dado nome a máis de 300 rúas nas últimas tres lexislaturas.

Da "necesidade" da lista de nomes e da "vontade de consenso" na súa elaboración tamén falou o tenente de alcalde, Néstor Rego. Ademais, destacou o recoñecemento que se fai ás mulleres, indicando que isto "non salva unha débeda, pero si nos leva na dirección correcta". A isto mesmo se referiu a voceira do Grupo Municipal Socialista, Marta Álvarez-Santullano, que definiu a proposta como "paritaria, razoable e ponderada". O Partido Popular presentou unha relación de nomes distinta, que foi rexeitada polo Pleno.

A lista de nomes aprobada é a seguinte: Xoan Paulo II, Manuel Ceruelo, Felipe Ramón Cordero Carrete, Simón Bolivar, Isidro Millán González-Pardo, Ángel Moralejo Laso, Ángel Rodríguez González, Alejandro Pérez Lugín, Antonio Machado Álvarez (Demófilo), Paulo Coelho, Alfonso X, O Sabio, Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, José Luis Puente Domínguez, Tomás Batuecas Marugán, Marcial Villamor Varela, Ignacio Rivas Marqués, José Ribas Fernández, Xosé Couso, Montevideo, Domingo García Sabell, Alfredo Vicente, Santiago do Cacem, Le Puy en Velay, Asís, Santiago de Querétaro, Clara Campoamor, Victoria Kent, Marie Curie, Margarita Nelken, Mariana Pineda, Teresa Claramunt, Carmen Laforet, María Zambrano, Julia Minguillón, Maruja Mallo, Anne Frank, María Casares, María Mariño, Federica Montseny, Emilia Pardo Bazán, Carolina Otero, María de los Ángeles de la Gándara (Chocha Bescansa), As 13 rosas, Xoan Xesús González Fernández, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Manuel Beiras, Andrés Dobarro, Voces Ceibes, Xeración Nós, José "Zeca" Afonso, As torres no ar, Avenida da Liberdade, Francisca Herrera Garrido, Syra Alonso, Alejandra Murguía Castro, Concepción Pérez Iglesias, María Miramontes, Mariví Villaverde, Rosa Pardo, Josefa García Segret, Dolores Rodeiro Boado, Josefa Iglesias Vilarelle, Ofelia Nieto Iglesias, Praza do 8 de marzo, Carlos Briones Varela, Xosé Castro González " Chané" e José Villar Granjel.

Será a Xunta de Goberno a encargada de realizar a asignación de cada nome da relación proposta a unha rúa determinada.

Compartir: