EDUCACIÓN

O Concello e Kalandraka convocan un premio internacional de álbum ilustrado pioneiro en Galicia

08/10/2007 No marco da IX Campaña de Animación á Lectura, que cada ano organiza a Concellería de Educación, convocarase o I Premio Internacional "Compostela" para álbums ilustrados, en colaboración coa editorial Kalandraka. A iniciativa está dirixida a aoutres e ilustradores do ámbito internacional.

Poderán optar a este premio todas as obras que se poidan incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes e textos, de tal xeito que ámbolos dous se complementen. As obras poderanse presentar en calquera das linguas oficiais da península e deberán ser orixinais e inéditas.

O alcalde valorou a importancia deste certame, así como o traballo que vén desenvolvendo Kalandraka, que en 2008 cumpre dez anos, oito deles colaborando estreitamente co Concello. Tamén a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, estimou o carácter internacional do concurso.

Pola súa parte, o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, apuntou que este certame nace para converterse nun premio de referencia, que viaxará por todo o mundo. Así, o premio será publicitado en breve en lugares como Frankfurt (Alemaña), Gualaxara (México) ou Bolonia (Italia). Lembrou tamén que se trata do primeiro premio deste tipo en Galicia, dedicado a recoñecer estas "pequenas obras de arte por páxinas".

O fallo, o 2 de abril
Unha vez se publiquen as bases, o prazo de presentación de traballos rematará o 31 de xaneiro de 2008. O fallo do xurado farase público o 2 de abril de 2008, coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O premio será de 12.000 euros, en concepto de adianto polos dereitos de autor. A obra galardoada será publicada en tódalas linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, vasco, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka.

A convocatoria enmárcase na Campaña de Animación á Lectura, que as dúas entidades celebran cada ano e que en 2008 cumpre a súa oitava edición. As actividades programadas –sesións de contos e música, obradoiros, actos nas librarías, charlas para docentes e familias- chegan a uns 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Nesta ocasión, a Campaña terá como preámbulo un curso de formación impartido polo narrador Federico Martín Nebras, que se celebrará os días 24 e 25 de outubro na Galería Sargadelos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: