O alcalde de Santiago cualifica de "moi boa noticia" que a Xunta dera a conformidade para o selado do vertedoiro de Miramontes

01/10/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualifica de moi boa noticia a conformidade, por parte da Xunta de Galicia, ao proxecto de selado do vertedoiro de Miramontes. "A partir de agora avanzaremos na clausura de selado deste vertedoiro que tantos disgustos lles leva dado os veciños e veciñas e tantos problemas lle leva causado ao concello" compostelán, indicou.

Sertego xa ten o informe de viabilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, dando conformidade ao proxecto de selado do vertedoiro de Miramontes. Na páxina 4 do informe sinala que "en virtude do recollido no artigo 21 da Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, no exercicio das competencias que ten atribuídas, dá a conformidade ao proxecto presentado, podéndose polo tanto iniciar as obras correspondentes ao selado do vertedoiro, incluidas no proxecto denominado "Mellora do plan de restauración do espazo natural da Canteira de Miramontes".

Onte mesmo entrou o xustificante de rexistro electrónico enviado pola empresa Sertego, Servicios Medioambientales SL; para que o departamento de Urbanismo o teña en conta na tramitación da correspondente licenza de obra, xa solicitada. En declaracións aos medios o alcalde lembrou que "temos autorización medioambiental e agora informe positivo da Xunta, e polo tanto procederemos a tramitar a licenza para que se execute canto antes".

Proxecto
Segundo figura no escrito expositivo remitido á Xunta de Galicia, "o documento técnico presentado ten por obxecto adaptar o proxecto de selado do vertedoiro de Miramontes para formular unha solución de selado e clausura final de maior estabilidade e garantía ambiental. Así, esta adaptación implica principalmente o redeseño do sistema de impermeabilización, os volumes de residuo e material de selado e o desaugadoiro das augas pluviais.

O deseño da xeometría de selado establécese sobre as seguintes bases:

- Acceso. Manterase o actual acceso ao vertedoiro a través da pista situada ao sur do vertedoiro e que comunica coa pista perimetral do mesmo.
- Noiros. O noiro final de proxecto será como máximo do 50%. Entre berma e berma non terán de desenvolvemento, en sentido de máxima pendente, máis de 22,5 metros con altura entre bermas igual ou menor a 10 metros.
- Bermas e pistas. Deséñanse bermas de 8 metros de ancho con pendente do 2% en sentido transversal cara ao interior do vertedoiro e cunha pendente aproximadamente entre o 5 e o 10% en sentido lonxitudinal.
- Copete. Proxéctase deixar unha pequena chaira lonxitudinal que permita a manobra de maquinaria pesada e as operacións de selaxe, con pendente dun 2% en sentido noroeste.
- Superficie. A superficie real do selado é de 42.552 m2."

No proxecto empregarase un paquete de xeosintéticos, colocados encima do residuo formado por xeotéxtil, PEAD xeored, de abaixo a arriba, respectivamente.

Na base estará a capa de xeotéxtil de polipropileno de 300 g/m2 de densidade, sobre o residuo debidamente regularizado, coa misión principal de protexer a xeomembrana de PEAD.

A continuación colocarase esta xeomembrana de polietileno de alta densidade PEAD (HDPE) de 2 mm de espesor, con texturizado en ámbalas caras. E despois unha capa de xeodren, formado por unha xeorred tridimensional de PEAD de 5 mm de espesor, con 2 xeotéxtiles de 120 g/m2 , coa función de drenar a auga que chega desde a parte superior á membrana de PEAD e, ao mesmo tempo, protexela.

E por último, botarase unha capa de terra vexetal seleccionada, duns 50 cm., co obxecto de contribuir a revexetación da zona con catro especies de herbas e dúas leguminosas.

O sistema de desgasificación estará formado por pozos dun metro de diámetro recheos de material horfítico limpo e conectados ao exterior con chimeneas de venteo. Dispón dun radio de acción de 37,5 metros cun total de 18 chimeneas de desgasificación, segundo se explica no proxecto.

Compartir: