EMPREGO

O próximo 19 de setembro comeza o obradoiro Innobosque, que formará a 20 persoas desempregadas

07/08/2022 O próximo 19 de setembro comezará a desenvolverse o proxecto "Obradoiro de Emprego Innobosque", que dará emprego, durante 12 meses, a 20 persoas desempregadas da cidade maiores de 18 anos. Dez delas formaranse na especialidade de "Repoboación forestal e tratamentos silvícolas" e as outras dez, en "Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos" e en "Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web".

Este obradoiro, subvencionada pola Xunta de Galicia con 500.000 euros, ten como obxectivo mellorar a empregabilidade de persoas en situación de desemprego, a través da súa cualificación profesional combinada coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Un proxecto innovador: emprego verde e bosques urbanos
O obxectivo das obras e servizos que se van desenvolver neste obradoiro, é incidir na identificación e avaliación dos desafíos e impactos dos bosques urbanos como solucións baseadas na natureza ao redor de catro temas relevantes a nivel local: cambio climático (a mortandade das árbores na cidade inducida pola calor), recreación (a importancia dos bosques urbanos como lugares de encontro), saúde pública (a desconexión da cidadanía co espazo verde), educación ambiental (o descoñecemento dos múltiples beneficios dos bosques urbanos, especialmente para o desenvolvemento e educación dos nenos e nenas).

O concepto de innovación en bosques é similar ao de innovación ambiental e innovación ecolóxica. A innovación en bosques urbanos xeralmente refírese á adopción de procesos, tecnoloxías, prácticas, sistemas, produtos, etc. novos ou mellorados para reducir e evitar o dano ambiental. Nun sentido amplo, a innovación en bosques urbanos tamén inclúe a innovación tecnolóxica e a innovación cultural que promoven o desenvolvemento ecolóxico e social sostible.

En base a este concepto programáronse unha serie de servizos a realizar na etapa de formación en alternancia:

Repoboación forestal e tratamentos silvícolas
O obxectivo final será a recuperación da cuberta arbórea dos bosques urbanos, o que repercutirá nunha mellora en varios aspectos como son a calidade paisaxística dos bosques urbanos, a diminución dos procesos erosivos, a creación dunha diversidade ecolóxica, e aumento da diversidade de hábitats para a fauna e a mellora do ciclo hidrolóxico.

Desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas e productos audiovisuais
Deseño e creación dunha app para a execución dun "Servizo tecnolóxico de valorización do Bosque Urbano de Santiago", para transmitir á cidadanía de Santiago, a través dun espazo web e de redes sociais, a importancia das zonas verdes en xeral e das súas superficies arborizadas en particular, de xeito que coñezan o efecto beneficioso sobre a súa saúde e sobre a habitabilidade dos espazos. Realizarase contando coa dispoñibilidade de elementos de xestión da pegada de carbono da cidade, estudando a súa captación e almacenamento por parte da actual composición árborea dos nosos parques, viario e zonas verdes en xeral; avaliando o potencial que posúe o bosque urbano de Compostela na contribución ao cumprimento dos estándares de calidade do aire e o seu efecto sobre o cambio climático; e analizando a estrutura do seu arboledo e o seu papel na redución da contaminación atmosférica e captación de CO2, valorando tanto cuantitativa como economicamente os beneficios ou servizos ecosistémicos que ofrecen á nosa cidade.

Compartir: