EMPREGO

Os alumnos e alumnas do programa de emprego Santiago Sustentable II recollen os seus diplomas no Pazo de Raxoi

15/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Zeltia Lado Lago, entregaron esta mañá no Pazo de Raxoi os diplomas do programa de emprego Santiago Sustentable II aos 16 alumnos e alumnas participantes.

O Programa de Emprego SANTIAGO SUSTENTABLE II desenvolveuse entre o 15 de setembro de 2020 e o 14 do mesmo mes de 2021, cunha duración de 12 meses. Nel participaron 16 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos e recibiron formación en dous certificados de profesionalidade: Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, da familia profesional de Imaxe e Son, e Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web da familia profesional de Informática e Comunicacións.

Ademais da formación, realizáronse diferentes traballos audiovisuais e de programación web para o Concello de Santiago de Compostela, como vídeos de promoción do patrimonio natural ou a web que ofrece vistas 360 dos miradoiros que rodean a cidade. O produto máis destacable desenvolvido neste programa de emprego é o xogo de Realidade Aumentada "O misterio do Monte Viso", que pode descargarse de forma gratuíta a través de ‘Google Play’. Consiste en obter pistas dos diferentes personaxes mitolóxicos presentes na Senda Mitolóxica do Monte Viso para poder resolver o misterio. Esta iniciativa promove que a cidadanía, e especialmente os nenos e nenas, poidan gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico.

Coincidindo co seu lanzamento, o Concello tamén difundiu entre os escolares do municipio o Xogo de cartas con Realidade Aumentada, que permite ver como as figuras da Senda Mitolóxica cobran vida en tres dimensións. Estas cartas de realidade aumentada e o xogo "O misterio do Monte Viso" pretenden achegar todos os segredos da senda mitolóxica, facendo un percorrido polo monte do Viso e participando nunha presentación dos personaxes da mitoloxía galega.

O orzamento global do programa de emprego ascendeu a 497.062,36 euros, dos cales a Consellería de Emprego e Igualdade achega 369.492,32 euros e o Concello, os 27.570,04 restantes.

No acto de clausura participaron o alcalde de Santiago, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lago Lago, e a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontela Baro.

Direccións relacionadas



Compartir: