ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "grazas á Ofrenda e ao Real Padroado, Santiago será a capital política de España o domingo 25 de xullo"

23/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, salientou a importancia de que este vindeiro 25 de xullo, Día de Galicia, estean en Santiago "o xefe do Estado e a familia real, o presidente do Goberno, a vicepresidenta económica, a vicepresidenta de asuntos sociais e diferentes ministros".

Indicou o rexedor que "supón un privilexio para Santiago e para toda Galicia", pois "probablemente non haxa ningunha outra cidade capaz de concitar un apoio deste calibre". Sánchez Bugallo lembrou que isto "é o resultado do papel histórico que Santiago e os camiños xogaron na configuración do país ao longo dos séculos".

Actos institucionais do 25 de xullo
O Día de Galicia arranca coa celebración da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, que "dende Felipe IV efectúa o rei todos os anos, ben directamente ou través dun delegado rexio, en recoñecemento a Santiago e ao seu papel na historia". Este acto comezará ás 12.00 horas e desenvolverase na Catedral de Santiago.

Xa pola tarde, terá lugar a xuntanza do Real Padroado da Cidade de Santiago, cuxa última reunión tivo lugar en decembro de 2003. A este encontro asistirán SM El Rey; o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares; a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero; a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta; o delegado do Gobierno en Galicia, José Manuel Miñones; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o arzobispo de Santiago, Julián Barrio; o reitor da Universidad de Santiago de Compostela, Antonio López; e a subsecretaria do Ministerio de Cultura e Deporte, Andrea Gavela.

Na sesión intervirá o presidente do Goberno, tamén presidente do Real Padroado; o alcalde de Santiago, que presentará a proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 `Camiño de Compostela 2032; o presidente da Xunta e clausurará a Súa Maxestade El Rey, presidente de honra do órgano.

Compartir: