ALCALDÍA

O Consello asesor de Condecoracións propón designar fillo adoptivo da cidade a Ubaldo Rueda e dedicarlle unha rúa a José Carro

16/06/2021 O Consello asesor de Condecoracións, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acordou hoxe a proposta de nomeamento de Ubaldo Rueda como fillo adoptivo de Santiago, así como dedicarlle unha rúa ao profesor José Carro Otero, recentemente falecido. Á xuntanza tamén asistiron o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte; o concelleiro do grupo municipal popular José Antonio Constenla; a voceira de Compostela Aberta, Marta Lois; a concelleira do BNG, Navia Rivas; e o secretario municipal, José Ramón Alonso.

Ubaldo Rueda Soto naceu na parroquia da Vide, en Monforte de Lemos, en 1948. Tras formarse no seu pobo natal e en Lugo, en 1968 marcha para París, onde cursou a Licenciatura en Filosofía e despois a de Literatura francesa, para a continuación ser profesor no Liceo Español. Tras aprobar unha oposición do ámbito educativo, en 1978 pasa a integrar o claustro de profesorado do IES Rosalía de Castro, centro onde se xubilou no 2018 despois de exercer como director desde 1985 e durante 33 anos.

Rueda conseguíu posicionar o IES Rosalía de Castro como un dos institutos de referencia na cidade e un dos centros máis influentes de Galicia. Durante a súa etapa como director promoveu, entre outras actividades, o Premio San Clemente, onde os alumnos exercen de xurado, e o club deportivo Instituto Rosalía de Castro, apostando fortemente polo baloncesto e o deporte base na cidade. Sempre intentou inculcar aos alumnos que podían ser artífices de algo a nivel mundial se tiñan unha idea clara e desexo de realizala.

Ademais da súa vocación nas aulas, Ubaldo Rueda sempre foi un gran dinamizador cultural da cidade, tanto desde o IES Rosalía de Castro, permitindo ao alumnado coñecer a destacadas figuras nacionais e internacionais, como fóra dos seus muros, formando parte da directiva do Casino de Santiago e promovendo o premio Novela Europa.

Por todo isto, o Consello asesor aproba a proposta da Alcaldía de outorgar o título de fillo adoptivo da cidade a Ubaldo Rueda Soto para agradecerlle todo o labor cultural, social e deportivo coa que contribuiu á cidade de Santiago de Compostela.

José Carro Otero
José Ignacio Carro Otero, médico, antropólogo, docente, investigador e académico, naceu en Santiago de Compostela en 1942 e finou o pasado 23 de abril de 2021. Licenciado e doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu unha ampla traxectoria neste ámbito, sendo profesor de varios departamentos na facultade de Santiago e chegando a ser galardoado con numerosos recoñecementos e condecoracións.

Destacado investigador da historia e da arte compostelás, José Carro Otero foi un dos primeiros antropólogos de Galicia, realizando diversas escavacións, ás que levaba aos alumnos de Medicina e de Bioloxía para fomentar a súa vocación.

Na súa faceta política, José Carro foi concelleiro e tenente de alcalde neste Concello de Santiago de Compostela, asesor especial de Manuel Fraga na Presidencia da Xunta de Galicia e Comisario para o Xacobeo 1993.

Pola súa traxectoria na promosción dos valores históricos e antropolóxicos da cidade e pola súa labor docente e investigadora, o Consello, a proposta da Alcaldía, propón dedicarlle unha rúa a José Carro Otero.

Outros asuntos
O órgano tamén tomou nota dos últimos acordos adoptados en pleno que lle concernen: o irmandamento coa cidade de Braga, o acordo polo que se nomeará "Exeria" á nova praza entre a avenida de Lugo e os Concheiros; a designación como fillo adoptivo de Emilio Lavandeira Prieto; e a concesión da Medalla de Ouro da cidade ao Ilustre Colexio de Avogados de Santiago.

O Consello
O funcionamento do Consello asesor de Condecoracións réxese polo fixado no Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións do Concello de Santiago, aprobado polo Pleno o 24 de maio de 2018. No órgano están representados todos os grupos da Corporación e os seus acordos, que requiren maioría absoluta para a súa aprobación, son sometidos ao Pleno.

Compartir: