MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Os 396 accidentes que se produciron o ano pasado nas estradas do municipio saldáronse con 88 feridos leves, 18 graves e ningún morto

22/04/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, acompañado polo inspector da Policía local José Antonio Pena, presentou o balance de actuacións do departamento de Atestados do ano 2020, durante o cal acudiron a 396 accidentes e realizaron 472 intervencións.

O equipo de Atestados da Policía local de Santiago atendeu en 2020 396 accidentes, que se saldaron con 18 feridos graves, 88 leves e ningún morto nas estradas do municipio. A meirande parte destes percances, o 62,50%, revestiron só danos materiais. 28 deles foron atropelos; 221 consistiron en colisións; 40 remataron con saídas de vía; e 107 foron por outros motivos. Gonzalo Muiños destacou a redución progresiva dos accidentes ao longo dos anos, motivada por varias casuas, ás que en 2020 se engadiu a pandemia.

Detrás de case o 73% dos accidentes están as infraccións e, como indicou o inspector José Antonio Pena, a causa principal dos mesmos é "a falta de atención na condución".

En 71 dos accidentes os axentes da autoridade decidiron practicar probas de alcolemia, co resultado de 28 positivas (11 delas conlevaron denuncia administrativa) e 40 negativas. Tres persoas negáronse ao requirimento dos axentes. En canto ao control global do consumo deste tipo de bebidas, a Policía local realizou ao longo do ano 1400 probas, das cales o 92% (1288) foron negativas. Das positivas, 62 tramitáronse vía denuncia administativa. En total, catro cidádans decidiron non someterse a esta proba.

En relación co consumo de drogas, practicarónse 97 probas, das cales algo máis da metade (55,67%) ofreceron un resultado negativo. Das 43 positivas, 41 tramitáronse por vía administativa. As substancias con máis presenza foron o cannabis (25) e a cocaína (27), seguidos a distancia dos opiáceos (7), metanfetamina (5) e anfetamina (3).

Seguindo no apartado de delitos contra a seguridade viaria, a Policía local rexistrou 45 relacionados cos permisos de condución. 26 deles foron consecuencia da perda de vixencia do mesmo por carencia de puntos e 6 por suspensión temporal por resolución xudicial. Por condución temeraria e exceso de velocidade (vehículos que superaban os 120 km/h en zonas limitadas a 50) tramitáronse catro atestados.

Controis
Ademais dos mencionados de alcol e drogas, a Policía local levou a cabo, en colaboración con outras administracións, controis do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil (2.163); de velocidade (12.907 dos cales terminaron en denuncia 171); de condicións dos vehículos (636 controlados e 42 denunciados); de transporte escolar (79 inspeccións e 9 denuncias); e de transporte de mercadorías (257 controis e 9 infraccións).

Educación viaria
Dentro de Atestados, unha unidade específica encárgase de ensinar á cidadanía as normas de circulación e convivencia nas vías. É o equipo de Educación viaria, que realiza actividades específicas cos rapaces de primaria e secundaria, bacharelato e educación especial. En total, 2821 alumnos en 2020. Tamén desenvolven un programa específico para maiores a través da rede de locais sociais do rural.

Vioxén
Dende o 1 de outubro, a Policía local está prestando servizos no marco do programa Vioxén de atención a vítimas de violencia machista. Esta unidade ten asignadas 18 vítimas e 19 agresores.

Documentos relacionados



Compartir: