IGUALDADE

O Concello estuda coa AMSP liñas de colaboración co obxectivo de visibilizar e promover a igualdade na administración

19/01/2021 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, reuniuse hoxe cunha representación da Asociación Mulleres no Sector Público (AMSP), na que estaban presentes Patricia Iglesias, membro da xunta directiva da entidade e Letrada Maior do Consello de Contas de Galicia; e Raquel Bahillo subdirectora de Administración Local. No encontro estudáronse liñas de colaboración co obxectivo de visibilizar e promover a igualdade na administración. En concreto, na xuntanza avanzouse, entre outros asuntos, na programación dun curso para o funcionariado do concello sobre temas de transversalidade de xénero.

A Asociación Mulleres no Sector Público, de ámbito estatal, nace pola iniciativa dun grupo de empregadas públicas de distintos eidos (local, autonómico, estatal, educación, sanidade, xustiza, etc), co obxecto de visualizar a posición da muller na administración e promover a igualdade no exercicio e acceso aos postos de responsabilidade dentro do sector público. Trátase, en resumo, de propiciar a visualización do liderado feminino e alentar unha contorna de empoderamento tamén no ámbito público.

Segundo destacan desde a asociación, as mulleres non acceden en igualdade de condicións aos postos directivos, xa que só ocupan un 30% deses cargos. Consideran que a achega das mulleres é fundamental para cambiar os modelos de xestión e conseguir a modernización das administracións públicas. Por iso, cren que é preciso abordar un cambio na cultura organizativa que permita visibilizar o traballo das mulleres xa que a administración non pode permitirse desperdiciar a metade do seu talento.

Un punto de vista e unhas finalidades compartidas polo goberno municipal. Mercedes Rosón sinala que, desde o Concello de Santiago de Compostela, e concretamente desde a concellaría de Políticas de Igualdade, "temos como un dos obxectivos prioritarios acadar unha igualdade real entre mulleres e homes no acceso ao emprego e aos distintos postos directivos; nas condicións laborais; na investigación; no desenvolvemento das distintas carreiras profesionais... En resumo, unha igualdade de oportunidades que ten que ser real e visible en todas as administracións, e na que estamos traballando de xeito conxunto e transversal entre os distintos departamento do concello", conclúe.

Entre outros obxectivos máis concretos da asociación figuran promover medidas a favor da conciliación familiar e persoal; promover a presenza paritaria da muller nos foros e espazos de reflexión e debate, como xornadas e conferencias, comisións, etc.; facilitar a comunicación e relación entre as profesionais do sector público e contribuír ao coñecemento do seu traballo: propiciar a aparición dun modelo de liderado no sector público distinto ao actual moi masculinizado; promover estudos, investigacións e proxectos empresariais que contribúan á mellor da situación das mulleres na Administración Pública; e xerar un espazo para o empoderamento das mulleres no sector público

Compartir: