ALCALDÍA

O alcalde afirma que se manterán, dentro das posiblidades do concello, os programas de axuda social e económica

15/01/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualifica de preocupantes as datas de contaxios na área de Santiago, en aumento desde o 5 de xaneiro, cunha incidencia de 450 casos por cen mil habitantes. O rexedor confirma que, ante a situación prolongada de crise, manteránse, "na medida das nosas posiblidades", os programas de axuda social e as subvencións aos sectores económicos máis afectados.

Sánchez Bugallo amosou, un día máis, a súa preocupación pola evolución dos contaxios covid. Hoxe hai contabilizados 463 casos positivos. Onte eran 432, "un dato obxectivamente malo e extraordinariamente preocupante". "Unha cifra enorme", engade, que se une "á sensación que temos desde o día 5 de xaneiro, cun escalonamento sucesivo" no número de infectados, "que non presenta trazas de que se vaia ralentizando, nin de que se vaia freando.

Estes datos, segundo o rexedor, indican que "temos que reforzar todas as medidas, para intentar controlar a evolución da pandemia. Recorda que o nivel de ocupación da planta hospitalaria de Santiago, por pacientes covid, en torno ao centenar, é moi significativa, "non é de colapso, pero duplica os datos que tiñamos hai un mes". Lembra que tamén hai outros afectados: aquelas persoas ás que se lles pospón unha intervención cirúrxica. Os datos reitera, non son favorables, e isto "obríganos a ser responsables desde o punto de vista individual e colectivo e a colaborar coas instrucións que emanan da autoridade competente, neste caso a consellería de Sanidade e o propio Comité Clinico".

Axudas aos sectores afectados
O alcalde é consciente dos problemas que esta situación está xenerando. "Son durísimos", di, pero "temos que priorizar o dereito á vida sobre calquera outro dereito". Ante a crise económica derivada das restricións anticovid indicou que "o único que podo é transmitir o noso ánimo e a nosa solidariedade a todos os afectados, e podo dicirlles que o concello fará todo o que estea ao seu alcance para axudalos". "Somos conscientes das enormes dificultades que isto está ocasionando para a hostalería, para o comercio, para moitos autónomos, e en xeral para o tecido económico da cidade, e en especial para os que ocupan unha posición máis débil. Polo tanto manteremos todos os programas de axuda social, e ampliarémolos e implementarémolos sempre que sexa necesario dentro da medida das nosas posibilidades.

Recordou que "vimos tomando medidas desde o inicio en materia de exencións e tributos, en materia de ampliación de dereitos, por exemplo nas terrazas; en materia de axudas directas, e desde logo, esa vai ser a nosa actitude e a nosa dinámica para o futuro máis próximo". O alcalde explicou que despois da primeira convocatoria de axudas do Plan de reactivación económica, realizada no mes de maio, cunha dotación aproximada de 5 millóns de euros, saiu outra, no mes de decembro, de 2,5 millóns de euros; "e agora estamos pensando noutra convocatoria que sairía nos meses de abril-maio deste ano". Concretou que non están perfilados os seus términos, porque a intención do goberno municipal é contrastalos coas asociacións afectadas; "e trataremos na medida do posible de coordinarlas coas axudas que poidan proceder doutras institucións. O noso obxectivo non é competir. O noso obxectivo é complementar e cooperar".

Sobre as axudas directas de 2,5 millóns convocadas en decembro e destinadas á hostalería, ao comercio e ao sector cultural; o alcalde sinalou que espera que se resolvan a finais deste mes. Explicou que neste momento estanse introducindo os no sistema. En canto á nova liña de axudas prevista para a primavera, moveríanse tamén, segundo o rexedor, sobre os 2,5 millóns de euros, e incluiría novos epígrafes de sectores afectados pola pandemia.

Compartir: