ALCALDÍA

Santiago únese á homenaxe a Isaac Díaz Pardo da cidade arxentina de Magdalena

13/08/2020 O Concello de Santiago únese aos actos de conmemoración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo que a cidade arxentina de Magdalena celebrará o vindeiro 22 de agosto. O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, remitiu ao seu intendente, Gonzalo Peluso, e aos veciños e veciñas desta localidade un vídeo saudando esta iniciativa, que incluirá unha videoconferencia coa participación de representantes de Santiago de Compostela e de Magdalena.

Na súa mensaxe, Sánchez Bugallo agradece á cidadanía de Magadalena que "decidira celebrar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, figura entrañable, querida, simbólica e moi representativa dunha época da cidade". O alcalde destaca o "labor de dinamización cultural" do homenaxeado, cun "compromiso e militancia continua na recuperación da memoria histórica e na defensa da democracia", e sempre cun "gratísimo recordo por Arxentina". O rexedor remata o vídeo expresando o seu desexo de visitar Magdalena e ofrecendo a Santiago de Compostela como "cidade irmá".

Fundador de Celtia e Porcelanas de Magdalena
Isaac Díaz Pardo estableceuse en Arxentina entre os anos 1955 e 1968, fundando en Magdalena, Provincia de Bos Aires, a fábrica Celtia S.A. e Porcelanas de Magdalena. Para rescatar o seu legado, un grupo magdalenenses impulsou unha serie actividades en torno á figura do intelectual, artista e empresario galeguista, como a recuperación das pezas de Porcelanas de Magdalena ou da memoria dos traballadores e traballadoras de Celtia

O vindeiro 22 de agosto, data do centenario do seu nacemento, a cidade arxentina acollerá unha videoconferencia, organizada pola Municipalidade de Magdalena, na que participará Camilo Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo, quen tamén viviu en Magdalena, estudou na Universidad de La Plata e estivo a cargo da dirección da fábrica, logo do regreso de seu pai a Galicia para emprender o proxecto de Sargadelos. Neste acto tamén participarán ex traballadoras de Celtia, autoridades municipais e outros representantes patrimonialistas e educativos de Magdalena.

Compartir: