TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio entregará este venres a Paradores o seu Premio anual

12/11/2019 O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, participará este sábado 16 de novembro en Ibiza/Eivissa na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Un día antes, celebrarase a Comisión Executiva e o acto de entrega do Premio Patrimonio 2019, que este ano recaeu en Paradores de Turismo.

A Asemblea Xeral celebrarase o sábado, ás 10:00 horas, no Museo de Arte Contemporáneo de Ibiza/Eivissa, e asistirán os alcaldes e alcaldesas das 15 cidades membros desta entidade sen ánimo de lucro e declarada de Utilidade Pública, que reúne as cidades españolas cuxos cascos históricos foron inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

Previamente, o venres 15 de novembro, terá lugar unha reunión da Comisión Executiva do Grupo, que está formada polas cidades de Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna e Cuenca.

Esa mesma tarde, ás 19:00 horas, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade entregará o Premio Patrimonio 2019 a Paradores de Turismo, galardón que será recollido polo seu presidente, Óscar López. O acto será presidido pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver. Con este Premio, as Cidades Patrimonio distinguen cada ano ás persoas ou entidades que teñen destacado na conservación e posta en valor do patrimonio cultural español. Na súa edición de 2018, o premio foi concedido á Raíña Dona Sofía.

Na axenda do sábado, ademais da Asemblea Xeral, está prevista unha rolda de prensa e un encontro da presidenta do Govern balear, Francina Armengol, cos alcaldes e alcaldesas do Grupo. Ademais, o venres, de 10:00 a 13:30 horas, o programa de RNE Las Mañanas de RNE, dirixido por Pepa Fernández, "De Pe a Pa", emitirase en directo dende o centro cultural Can Ventosa, con motivo da celebración da Asemblea do Grupo en Eivissa, cidade que este ano celebra o 20 aniversario da Declaración de Patrimonio Mundial pola Unesco, efeméride que terá lugar o próximo 4 de decembro.

Compartir: