ALCALDÍA

O alcalde reúnese cunha representación do persoal do aeroporto, que demanda a AENA o mantemento do servizo de cantina

22/04/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro Rafael Peña, reuníronse esta mañá cunha representación do persoal do aeroporto Rosalía de Castro que, durante as últimas semanas, veñen amosando a súa preocupación polo servizo de cantina do aeroporto, que sairá a licitación de maneira independente das tres cafeterías de uso público.

O persoal do aeroporto ve con preocupación ditas licitacións xa que, polo acontecido noutros aeroportos do Estado como Tenerife Sur ou Sevilla, entenden que existe un risco real de que a licitación da cantina, por ser menos atractiva para as licitadoras, quede deserta.

O Comité Intercentros do aeroporto trasladoulle hoxe ao alcalde e ao edil Rafael Peña que isto tería graves prexuízos e agravios para os traballadores e traballadoras do aeroporto, sobre todo para aqueles máis precarizados, ao ter que aboar o prezo para o público xeral, que suporía a perda de poder adquisitivo. Tamén amosaron a súa preocupación pola perda de catro postos de traballo correspondentes ás persoas que prestan o servizo na actualidade.

O persoal do aeroporto pediralle a AENA que introduza nos novos pregos unha cláusula que garanta un servizo para a totalidade dos traballadores e traballadoras cos prezos previstos no prego da cantina, para aquela situación na que a licitación quede deserta.

Compartir: