ALCALDÍA E OBRAS

O Concello inviste preto de 200.000 euros na mellora dos accesos ao Palacio de Congresos e Exposicións

21/02/2019 A Concellería de Obras vén de executar os traballos de mellora dos accesos ao Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en San Lázaro, nas que se investiron máis de 180.000 euros. A actuación supuxo a renovación do pavimento das avenidas Fernando de Casas Novoa e Miguel Ferro Caaveiro, así como a mellora da accesibilidade nestes viarios.

O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, achegáronse hoxe a San Lázaro para comprobar o resultado das obras de mellora dos accesos ao Palacio de Congresos e Exposicións. O edil recordou que "as rúas Miguel Ferro Caaveiro e Fernando Casas Novoa presentaban un estado moi deficiente, con numerosas fochancas e fisuras". Rafael Peña apuntou que "esta zona soporta moito tráfico, derivado da localización en puntos próximos do Palacio de Congresos, o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, hoteis e outros edificios con grande actividade pública".

As obras, executadas pola empresa Francisco Gómez, afectáronlle a un tramo de 550 metros da rúa de Fernando de Casas Novoa e a outros 450 metros de Miguel Ferro Caaveiro. Tendo en conta a situación do firme optouse pola demolición completa das capas de asfaltado existentes e a súa substitución. Tamén se melloraron as beirarrúas, fixéronse accesibles os pasos de peóns e creáronse vaos peonís. O concelleiro Rafael Peña explicou que está prevista "unha segunda fase deste proxecto, para mellorar o viario que leva cara o CERSIA".

Outras obras
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial aproveitou a visita para dar conta doutras obras executadas nos últimos meses ou en marcha en materia de mellora da pavimentación e da accesibilidade. Entre elas citou a actuación no viario do servizo do Cruceiro da Coruña, cun investimento de 200.000 euros; a mellora da accesibilidade na rúa de Diego Peláez, que custou 170.000 euros; ou a renovación do pavimento da rúa do Espírito Santo, cun investimento de case 50.000 euros. Tamén están practicamente rematadas as obras de reurbanización do tramo da rúa das Cancelas no seu encontro coa avenida de Rodríguez de Viguri, ás que se destinaron 150.000 euros.

No ámbito rural, Rafael Peña salientou a mellora dos accesos a Lamascal, na parroquia de San Xoán de Fecha, na que se van investir 90.000 euros; a mellora da pavimentación no acceso ás Pereiras, na parroquia da Gracia, cun investimento de 62.000 euros; a mellora do viario que comunica Barciela con Cesar, orzada en 130.000 euros; e as obras de mellora da pavimentación dos accesos a Busto, cun investimento de 100.000 euros.

Compartir: