IGUALDADE E MEDIO RURAL

Comeza unha nova quenda de obradoiros de empoderamento das mulleres do rural

16/10/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, presentaron hoxe unha nova quenda dos obradoiros de empoderamento para as mulleres do rural, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro en seis parroquias de Compostela. Xunto a eles estiveron a dinamizadora dos obradoiros, Cruz da Fonte, e a coordinadora dos centros cívicos do rural, María Pose.

Estes obradoiros "veñen a completar o traballo que, de forma transversal, estamos a facer dende a Concellaría de Igualdade e de Medio Rural, achegando recursos e actividades ás mulleres de distintas parroquias". Así, as actuacións que se desenvolverán pretenden ampliar este tipo de intervencións a máis parroquias do rural, cubrindo as necesidades detectadas durante a execución dos primeiros obradoiros de empoderamento e dando cumprimento aos obxectivos contemplados no Plan de Igualdade Municipal 2017-2020.

O obxectivo destes obradoiros é facilitarlle ás mulleres ferramentas para o empoderamento individual e colectivo. Partindo do coñecemento previo da realidade e das necesidades detectadas, ademais de traballar os contidos da anterior edición, incorporarase un módulo específico sobre a prevención da violencia de xénero, así como unha posterior gravación coas intervencións das mulleres participantes. Desta forma, artellarase unha estratexia de intervención baseada na prevención (a través dos coñecementos adquiridos nas sesións) e na sensibilización (mediante a difusión do material audiovisual creado polas participantes). Chegarán a Marrozos, Marantes e Grixoa

Obradoiros da risa
Ademais dos obradoiros de empoderamento, o Concello impulsa tamén nesta ocasión uns obradoiros da risa no rural que deron comezo onte da parroquia de Verdía. Desenvolveranse os días 16, 23 e 30 de outubro en Figueiras, os días 22 e 29 de outubro en Verdía e o 19, 26 de outubro e 2 de novembro en Bando.

Diagnose previa
No ano 2015, a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago elaborou un informe diagnóstico participativo sobre a realidade e as condicións de vida das mulleres compostelás no que se recollía que o rural compostelán, a pesar de ser un espazo amplo (demográfica e territorialmente), seguía a ser descoñecido para a poboación, e a atención ás necesidades das mulleres rurais catalogábase como escasa.

Por iso, as concellarías de Medio Rural e de Igualdade elaboraron e impulsaron o programa Vida propia, que conseguiu chegar ás parroquias do Eixo, Enfesta e Villestro durante o 2016. O ano pasado impulsáronse os obradoiros de empoderamento no rural, que colleron o relevo deste primeiro programa. Así, as parroquias de Busto, Lavacolla, Laraño, Aríns e Santa Cristina de Fecha acolleron durante os meses de marzo, abril e maio varias sesións destes obradoiros, nos que participaron preto de 50 mulleres.

O obxectivo desta actividade era rachar cos estereotipos de xénero, que se observan moito máis nas parroquias que na zona urbana, e crear un espazo de convivencia e intercambio de experiencias entre as mulleres de diferentes parroquias.

Co desenvolvemento destes obradoiros creouse conciencia na sociedade sobre as situación de desigualdade e discriminación das mulleres, facilitándolles a estas ferramentas para o empoderamento individual (a través das diferentes dinámicas de traballo) e para o empoderamento colectivo (fomentando a creación de redes e a participación social).

Compartir: