CASCO HISTÓRICO

O Casco Histórico contará cunha rede Wimax para finais de 2007

16/12/2006 Así o anunciaron en rolda de prensa os concelleiros de Turismo e Casco Histórico, Francisco Candela e Mercedes Rosón, que estiveron acompañados por Manuel Balseiro, xerente de Coremain, empresa que está a desenvolver o proxecto. A rede Wimax permitirá o desenvolvemento de servizos como a teleasistencia ou a telemedicina e será de grande utilidade para os comerciantes, turistas e habitantes composteláns.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa do Ministerio de Industria denominada "Programas de Cidades Singulares", que ten como obxectivo principal dar o primeiro paso para o despeque dunha rede Wimax. O Ministerio valorou positivamente o proxecto entregado por Santiago e outorgaralle a máxima subvención para levalo a cabo: 275.000 euros, o 50% do custo global da iniciativa (550.000 euros). Para completar o financiamento, o Concello xa iniciu conversas coa Xunta de Galicia para unha posible colaboración.

A idea orixinal é que o alcance desta primeira fase de implantación da rede Wimax sexa o Casco Histórico, aínda que o estudo de cobertura que se realizará en vindeiras datas determinará o alcance final da rede. Tanto Mercedes Rosón como Francisco Candela resaltaron a importancia do proxecto, en tanto que permitirá incorporar unha zona tan sensible como a cidade histórica ás novas tecnoloxías da información e da comunicación. No desenvolvemento do proxecto contémplase a realización de campañas de sensibilización e información para a cidadanía ao tempo que se impulsarán actuacións de coordinación coas entidades que operan no Casco Histórico, como Acotés ou Compostela Monumental, entre outras. Búscase deste xeito implicar aos habitantes composteláns nun proxecto que suporá un salto cualitativo na implantación das TIC e que dotará á zona vella das infraestruturas necesarias para que sexa capaz de competir en condicións de igualdade neste ámbito con outras áreas da cidade. A rede estaría en funcionamento a finais de 2007.

Actualmente, o censo do Casco Histórico sitúase entre os 11.000 e os 12.000 habitantes, o que unido aos establecementos, estudantes e visitantes da cidade fai que o público que se beneficiaría desta iniciativa sexa entorno ás 20.000 persoas. A rede wimax poderá ofrecer servizos tan importates para a cidadanía como o de telemedicina e teleasistencia, vital para colectivos específicos como anciáns, enfermos ou mulleres maltratadas; seguridade e emerxencias; puntos de información cidadá de acceso público; servizos de información turística como rueiro, eventos, etc. ou acceso á aministración electrónica. Así mesmo, será de grande utilidade para os comerciantes ao facilitarlles a xesión diaria ou pola posibilidade de aumentar a seguridade dos establecementos grazas aos servizos de televixiancia. En conclusión, "esta iniciativa aportará importantes beneficios a todos os sectores da cidade, así como ao gran número de visitantes que recibimos", tal e como sinalou a edil de Casco Histórico.

A implantación do programa Wimax non só será un avance moi importante no ámbito das novas tecnoloxías, senón que servirá de ponte para que Santiago poida incorporarse ao programa Cidades Dixitais 2, un proxecto ambicioso para o período 2007-2010 que o Ministerio de Industria convocará o vindeiro ano.

WIMAX (Worldwide Interoperability for Microwave Access) permite conexións a Internet de alta velocidade (ata 70 Mbps), inalámbricas, ata unha distancia de 50-60 km e en mobilidade sen perder a conexión. Tamén permite unha adecuación do ancho de banda do canal en función das necesidades da aplicación concreta, garante a seguridade, vía encriptación, da información e ten capacidade para explotar comunicación de voz sobre IP. Empresas como Intel, Motorola, Samsung o Nokia están detrás desta tecnoloxía.

Compartir: