CONSORCIO

O Consorcio de Santiago e a USC editan un libro sobre a Cátedra de Farmacoloxía da Facultade de Medicina

10/02/2016 O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago acaban de publicar un libro sobre a Cátedra de Farmacoloxía da Facultade de Medicina da USC. É un estudo do catedrático Ángel Belmonte Vicente, complementado con aportacións do profesor e presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero.

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, interveu no acto de presentación, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, xunto co autor e co reitor da USC, Juan Viaño. Na mesa presidencial estiveron presentes tamén o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal Otero; o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero; os directores dos servizos de Publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco Valdés e Juan Conde, respectivamente; o director do Departamento de Farmacoloxía e prologuista da obra, José Gil Longo; e o catedrático e tamén prologuista do volume, Manuel Freire-Garabal Núñez.

O volume, un libro "necesario, importante e a reivindicar" en opinión do alcalde, ilustra unha parte da historia da Facultade de Medicina da USC a partir do relato de José Carro, quen fai un percorrido histórico polas ensinanzas da Farmacoloxía en Santiago entre 1846 e 1928, e de Ángel Belmonte, que achega as vicisitudes históricas desta Cátedra entre 1807 ata a actualidade.

La Cátedra de Farmacología de la Facultad de Medicina de Santiago de Compostela achega unha base importante "para a construción desa historia aínda pendente da nosa Facultade de Medicina, algo tan necesario xa nunha institución que cumpre este ano o seu 366 aniversario", lembra o decano do centro, Juan Gestal.

Tal como indica o reitor, Juan Viaño, "os autores transpórtannos ás orixes da nosa Facultade de Medicina, en 1649, e á incorporación da materia de Terapéutica Xeral e Materia Médica nos planos de estudo de 1807, cando os estudantes recibían clases no Colexio de Fonseca e realizaban prácticas clínicas no Hospital dos Reis Católicos". Aquel modelo docente, engade Viaño, "pioneiro nas universidades españolas da época, contribuíu, tal como nolo indican os autores, a que a titulación de Medicina en Compostela se convertese nun modelo para o deseño doutros plans de estudo, pervivindo as súas bases na actualidade".

As 86 páxinas que conforman este percorrido histórico parten dunha busca documental que, para o período 1824-1928, facilitou arredor de 150 referencias e imaxes que permitiron coñecer a importancia da Farmacoloxía nos diversos planos de estudo da época, as distintas denominacións recibidas, a bibliografía recomendada e os libros dispoñibles para o seguimento desta materia, onde e cando se impartían as clases teóricas e de que elementos se dispoñía para a súa ensinanza práctica ou as distintas liñas de investigación.

Compartir: