EQUILIBRIO TERRITORIAL E CONVIVENCIA

Comezan as reparacións de fochancas na Pastoriza e en Lamas de Abade

08/02/2016 Tal e como anunciara o Goberno local, esta mañá comezaron as obras de reparación das fochancas máis graves do termo municipal, aquelas que aparecen recollidas nun informe elaborado pola Policía Local que acredita que poñen en risco a seguridade viaria. Os traballos empezaron en Lamas de Abade e Pastoriza, a cargo da empresa Joscon.

O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial sinalou que o mal tempo está a condicionar a orde na que se executan as reparacións das fochancas máis graves. Rafael Peña explicou que a chuvia non afecta tanto na instalación de lastras como no asfaltado, polo que os primeiros puntos nos que se vai actuar son, ademais de Lamas de Abade e Pastoriza, Santa Clara, a avenida da Coruña, rúa de Noia, Loureiros e praza das Penas. Tamén se repararán tapas e beirarrúas no tramo dende a praza de Galicia ata a rúa de San Pedro.

En canto as condicións meteorolóxicas o permitan, empezarán as obras en zonas asfaltadas. Actuarase en Vía La Cierva, rúa do Tambre, Tabaniscas, Cruceiro da Coruña (no viario de servizo e nos tramos máis afectados), Fonte de San Antonio, Rosalía de Castro, Castiñeiriño, rúa da Estrada, rúa de Sar e Diego Bernal.

Requirimentos á Policía Local
As zonas nas que se vai actuar nesta primeira quenda de reparacións, activadas pola vía de emerxencia, son aquelas que figuran nun informe da Policía Local. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que ese documento ten como base os requirimentos que foi recibindo o Corpo por danos en vehículos ocasionados polas fochancas. Nos últimos meses recibíronse un total de 36, dos que 14 corresponden ao mes de xaneiro de 2016, cando os danos dos viarios se viron agudizados polas chuvias. En 2015, a Policía Local recibiu 3 requirimentos en xuño, 2 en setembro, 1 en outubro, 9 en novembro e 7 en decembro. O edil aclarou que "requirir a presenza da Policía Local para comprobar os danos nun vehículo non significa que logo o condutor demande danos patrimoniais ao Concello".

Novos contratos de mantemento
Á marxe dos traballos de emerxencia que comezaron hoxe, a Xunta de Goberno aprobará previsiblemente o venres outros dous contratos de mantemento por un importe total de case 150.000 euros, con cargo aos orzamentos prorrogados de 2015. Estes traballos poderían arrancar nun prazo de tres semanas.

O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial explicou que, aínda que era consciente do mal estado do viario municipal, "o Goberno non puido actuar, porque o anterior Executivo esgotara as partidas orzamentarias destinadas a mantemento e houbo que esperar a ter as contas prorrogadas. Aínda así, habilitáronse dúas partidas de emerxencia, unha antes do verán, e agora outra, cos traballos que comezan hoxe". Tamén explicou que os remanentes de anos anteriores pódense destinar a investimentos, pero non a gastos de mantemento.

Rafael Peña sinalou que a intención do Goberno é darlle continuidade ás obras de reparación de fochancas, xa cos novos orzamentos de 2016 que, lembrou, "duplican a cantidade reservada para este fin, ata superar o millón de euros". A maiores, o Executivo local "optou por destinar a totalidade dos fondos do POS e o PAS á zona rural, en moitos casos a reparacións de viarios". Estas obras poderían comezar en abril.

Requirimentos a empresas
O edil aproveitou para anunciar que o Concello estalle enviando requirimentos a algunhas empresas que executaron obras no Ensanche que provocaron ducias de fochancas. Trátase de compañías "que realizaron obras de canalización ou reposición de servizos como de telefonía ou gas, e que non repuxeron ben o firme, de modo que se orixinaron danos". Rafael Peña sinalou que a causa destas fochancas está avalada con informes técnicos, e as empresas están obrigadas a reparalas.

Compartir: