EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Concellaría de Educación e Cidadanía anima as familias compostelás a adquirir xogos educativos en galego neste Nadal

15/12/2015 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá os 7 xogos e xoguetes en galego que as familias poden adquirir nestas festas de Nadal.

A iniciativa parte dun italiano, Guido Leboroni, asentado en Galicia e que os distribúe a través do enderezo www.galileonenos.com e das librerías Pedreira, Couceiro, A Casa do Deán e Caprichos. O obxectivo da iniciativa pasa por "promover o xoguete pacífico, non violento, non sexista e non sofisticado, ofrecendo unha alternativa en lingua galega ao que se adoita atopar no mercado", segundo explicou o concelleiro Manuel Dios.

Este tipo de xoguetes divulgaranse nas escolas infantís da cidade, no programa Apego e no programa de conciliación de Nadal, que comeza o vindeiro luns nos centros de Fontiñas e Raíña Fabiola. O encargado deste programa, Guido Leboroni, explicou que a iniciativa partiu "da falta de produtos infantís en galego ou de Galicia entre os pequenos e pequenas de 3 a 6 anos". Asegura que se deu de conta de que "os nenos e nenas galegofalantes na escola e na casa cambiaban o idioma ao xogar con outros rapaces", algo que quixo mudar.

Os xoguetes supoñen unha alternativa económica para os pais e nais e distribuiranse na web de Galileo Nenos e nas devanditas catro librerías da cidade. Os xogos que se poden adquirir son os peluches da pita de Mos e da ovella galega, un puzzle, a escola de escritura con Xabarín (3-6 anos), Super Vista, Crebacabezas de Galicia e o xogo de mesa Peregrinus.

Trátase da cuarta campaña de Nadal que Galileo Nenos traballa con este tipo de xoguetes galegos.

Compartir: