LINGUA

Santiago, Ames e Teo colaboran por vez primeira no concurso de Cartas de Nadal

03/12/2015 Por vez primeira, os concellos de Santiago, Ames e Teo colaboran no concurso de Cartas de Nadal, que en Compostela vai xa pola súa cuarta edición. O obxectivo é animar aos máis novos a escribiren en galego as cartas nas que pidan os seus agasallos nas próximas festas.

O concelleiro compostelán de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; a edil de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; e a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Fernández Faxil; foron os encargados de presentar o programa, nunha rolda de prensa na que salientaron a importancia de que os máis novos utilicen a nosa lingua "cultivando o galego como unha semente cara o futuro". De aí, o lema elixido este ano para o concurso "Este Nadal...Cultívao diariamente"

Reparto de información nos colexios e centros socioculturais
Nesta semana comezou xa o reparto de información sobre o programa, que vai dirixido a nenas e nenos de ata 4º de Primaria. En Santiago vanse repartir 8.500 folletos nos centros escolares de infantil e primaria, nos centros socioculturais, na biblioteca Ánxel Casa, e no Mercado de Nadal que estará instalado na Praza de Abastos. Neses mesmos puntos ubicaranse as caixas de correo nas que os cativos terán que deixar as súas cartas.

Na información que está a ser repartida, explícase que "os concellos recibiron unha chamada dende o mundo da maxia para que este ano os nenos e nenas escriban as súas cartas de maneira especial, cheas de imaxinación e creatividade e cultivando a lingua galega". As cartas en galego que leven os datos completos (nome completo, idade, dirección, número de teléfono...) recibirán unha resposta nas súas casas, que conterá unha sorpresa que fará útil o obxecto no que se transforma o folleto da convocatoria seguindo as instrucións de recortado e dobraxe que aparecen no seu dorso. Ademais, os tres mellores traballos recibirán un premio, que os gañadores poderán recoller o 5 de xaneiro, coincidindo coa Cabalgata de Reis.

As cartas pódense depositar nas caixas de correos dos colexios ata o 17 de decembro, e nas dos centros socioculturais (Ensanche, As Fontiñas, O Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo, Vite, Villestro, A Gracia, Lavacolla e Figueiras), a Biblioteca Ánxel Casal, o Mercado de Nadal e a Casa do Concello, ata o 4 de xaneiro.

Proxecto compartido
A principal novidade do Concurso de Cartas de Nadal é este ano a colaboración entre Santiago, Ames e Teo. E é que, tal e como sinalaba a edil de Cultura de Teo, "os problemas de dinamización da lingua aféctanlle por igual a todos os Concellos". Pilar Fernández Faxil defendeu o papel activo que teñen que ter as administracións locais na dinamización do galego, e salientou a necesidade de actuar cos máis pequenos a través de iniciativas que lles sexan próximas e naturais, como a escrita da carta aos Reis Magos.

Pola súa parte, a edil de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, lembrou que o seu concello leva moitos anos traballando pola dinamización lingüística cos máis pequenos "por ser un dos municipios galegos cun índice de natalidade máis alto". De feito, empezaron a organizar este concurso de Cartas de Nadal hai máis de dez anos. Para Ames "colaborar con Teo e Santiago neste proxecto, supón darlle unha nova forza e unha maior difusión ao concurso". Ademais, agradeceu o papel activo que teeñen nestes programas o profesorado, os pais e nais, e o colectivo de dinamizadores lingüísticos.

Compartir: