ALCALDÍA

Martiño Noriega reitera o seu apoio ás mobilizacións do sector lácteo galego

30/11/2015 O alcalde de Santiago volveu expresar hoxe o seu respaldo e o do Goberno compostelán ás mobilizacións dos gandeiros galegos, que poñen en marcha unha nova campaña para reivindicar un prezo xusto para o leite. Por iso, Martiño Noriega acompañou hoxe nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi aos representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego. Óscar Pose (Unións Agrarias), Anxo Escariz (Organización de Produtores de Leite) e Tomás Díaz (Organización Rural Galega) deron conta do calendario de mobilizacións que van levar a cabo nas próximas xornadas.

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo quere que os consumidores coñezan cal é a situación real que atravesa o sector. Por iso, hoxe estivo repartindo folletos informativos diante do Centro Comercial As Cancelas, no que se sinala que os gandeiros seguen percibindo unha media de 28 céntimos de euro por litro de leite, unha cifra que se sitúa por debaixo dos custos de produción. Iso é así, explican dende a Plataforma, "malia o acordo asinado hai dous meses en Madrid, e malia a que os consumidores están pagando algúns céntimos máis polo leite que compran, unha suba que non se lle trasladou aos produtores".

Os representantes da Plataforma confían en que as administracións directamente implicadas no conflito do leite teñan en conta as súas reivindicacións. De non ser así, non descartan novas mobilizacións, que irían dende boicots ás distribuidoras que seguen mantendo as súas condicións abusivas para os gandeiros ata novas tractoradas.

Ademais de en Santiago, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo prevé presentar as súas accións reivindicativas nos concellos da Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Lugo.

Compartir: