CONVIVENCIA

A Policía Local segue apostando pola educación viaria entre os máis pequenos ao abeiro do programa Colecamiños

25/11/2015 A Policía Local de Santiago segue traballando para promover unha boa seguridade viaria entre os máis pequenos. Por iso, pon en marcha unha campaña de educación viaria, enmarcada no programa Colecamiños, que levará por lema "Móvete seguro con moito olliño". As actividades están dirixidas aos alumnos de Primaria dos colexios de Compostela, que deberán inscribirse previamente.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a oficial da Policía Local, Diana Parente, deron conta hoxe do programa, que está relacionado co Plan estratéxico europeo en materia de seguridade 2011-2020. As actividades están pensadas para facilitarlles aos nenos e nenas estratexias e recursos de mobilidade segura, sexan peóns, condutores de bicicletas ou pasaxeiros de vehículos.

As materias impartiranse en dous módulos, un teórico e outro de carácter práctico. Para o primeiro, empregarase material da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, da Fundación Mapfre e do Departamento de Educación Viaria da Policía Local de Santiago. En canto ao módulo práctico, os rapaces terán que demostrar que comprenderon e interiorizaron os coñecementos adquiridos nas clases prácticas.

I Concurso "Consello de Seguridade Viaria Infantil"
A Policía Local tamén está promovendo un concurso entre os participantes no programa Colecamiños, cuxos gañadores participarán no Primeiro Consello de Seguridade Viaria Infantil, que presidirá o alcalde no salón de plenos do Concello.

Os nenos e nenas irán acumulando puntos por iren camiñando ao colexio: dous colepuntos se o fan nun día chuvioso, e un colepunto nos días sen auga. Os primeiros 25 cativos en xuntar 35 colepuntos serán os gañadores do concurso, e participarán no Consello de Seguridade Viaria Infantil, no que poderán formular calquera dúbida ou proposta en relación cos camiños escolares ou coa seguridade viaria na nosa cidade.

Un programa que se vai consolidando
O Colecamiños é un programa que promove que os nenos e nenas vaian camiñando aos seus colexios, e que se puxo en marcha a modo de proxecto piloto no CEIP Pío XII. Ao seu abeiro, deseñáronse catro rutas seguras para os rapaces, que parten dende a praza de Vigo e a praza Roxa, o Campus, Santa Isabel e o casco histórico. Para facilitarlles as cousas aos pais, nos puntos de orixe destes itinerarios reserváronse espazos nos que poden parar uns minutos cos seus coches para deixar aos nenos.

A día de hoxe, no Colecamiños participan 54 nenos e nenas. A máis utilizada é a ruta do Ensanche, con 25 cativos, seguida da do Campus, con 14. As da Alameda, con 9 rapaces, e a de Galeras, con 6, están sendo as menos exitosas, pero hai que ter en conta que se puxeron en marcha con posterioridade ao itinerario que parte da praza de Vigo.

Para animar os pais a sumárense ao proxecto, unha das nais implicadas. Chelo Quintáns, salientou hoxe o beneficiosa que está sendo a iniciativa para a súa filla, de 11 anos. Segundo explicou, a pequena está a aprender moito de seguridade viaria, ademais de vivir unha nova experiencia cos seus amigos durante os traxectos á escola. Tamén quixo aclarar que as rutas escolares deseñadas polo Concello son completamente seguras para os nenos, que ademais van acompañados por pais voluntarios e por membros de Protección Civil.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que o proxecto Colecamiños está espertando o interese de moitos centros, que están en comunicación co Concello co obxectivo de ampliar o programa ao longo do ano que vén.

Direccións relacionadas



Compartir: