EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Un curso indaga nas manifestacións literarias e musicais arredor do xogo tradicional

10/11/2015 A Concellaría de Educación e Cidadanía colabora no VI Curso de formación sobre o patrimonio lúdico: Xogo, literatura oral e música, organizado pola Nova Escola Galega e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Serán dúas xornadas de relatorios e obradoiros, os días 13 e 14 de novembro, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Este curso está dirixido a profesorado de Ensino Primario e Secundario, a educadores de tempo libre, ao profesorado do conservatorio e a persoas interesadas no patrimonio lúdico e na cultura tradicional en xeral. Polo momento xa son 50 as persoas inscritas, polo que aínda quedan prazas ata chegar ao máximo de 70.

O obxectivo destas xornadas é indagar nas manifestacións literarias e musicais que nacen arredor do xogo tradicional. Trátase de manifestacións aínda só parcialmente recompiladas e estudadas e que están en inminente perigo de desaparición. Así como os xogos tradicionais conservan en esencia a súa vixencia cando menos na memoria colectiva, a presión dos medios de comunicación e da industria do libro e da música, están provocando que a literatura oral infantil tradicional galega –recitados cos partes do corpo, cantareas para aprender a andar, lengalengas, adiviñas...– e todo tipo de manifestacións musicais arredor do xogo tradicional –nanas, cantigas de corda, danzas infantís...– estean sufrindo un evidente proceso de substitución por parte de manifestacións desta índole chegadas doutras terras.

Os detalles deste curso foron presentados en rolda de prensa polo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, que aproveitou a súa comparecencia para destacar o importante papel que o xogo popular terá na Ludoteca de Fontiñas unha vez que se poña en marcha. Tamén anunciou que este equipamento municipal levará o nome de María Miramontes. Acompañaron ao edil na rolda de prensa Zeltia Labraña, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, e José Luis Quintás, director do Conservatorio Profesional de Música.

A inscrición pode formalizarse cumprimentando a folla de inscrición dispoñible nas páxinas web da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e da Nova Escola Galega, e achegando xustificante de pagamento.

Direccións relacionadas



Compartir: