ACCIÓN CULTURAL

Circo Chosco presenta o seu espectáculo "Forzud@s" na praza da Quintana

03/08/2015 A Concellaría de Acción Cultural encherá de novo no mes de agosto algunhas das rúas e prazas máis emblemáticas de Santiago de Compostela cunha variada programación. A oferta de Verán na rúa está dirixida a todo o público, que só se terá que preocuparse de coller un bo sitio para ver os diferentes espectáculos de circo, acrobacias aéreas, malabares, títeres, maxia, teatro de rúa, contacontos, danza, ou música, entre outros, xa que todas as actividades son de balde.

Circo Chosco presenta Forzud@s na praza da Quintana este martes as 19:30 horas. Un espectáculo de novo circo e acrobacias aéreas dirixido a todos os públicos con entrada de balde.

O humor e o absurdo son os fíos cos que se tece a trama de Forzud@s, un espectáculo de dous atletas, dous cómplices que se compenetran realizando trucos imposibles. Coa presenza constante da técnica en forma de portes, acrobacias aéreas, malabares imposibles e lume, estes dous forzud@s saben saír, co seu talento, de calquera situación adversa.

Sempre en formato de clown, agochados baixo a aparencia de superacróbatas, de grandes magos ou de malabaristas matematicamente perfectos, a compañía Circo Chosco afonda na creatividade conxunta cun claro obxectivo: facer rir ao público, sen esquecer a espectacularidade como ferramenta imprescindible. Risco, desastre, sorpresa e surrealismo son palabras que poden aparecer en calquera momento.

Este espectáculo forma parte do circuíto cultural e de lecer Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co patrocinio de Turismo de Galicia e do Agadic.

Compartir: