ACCIÓN CULTURAL

Os martes, mércores e xoves de agosto teremos música, teatro, danza, maxia e circo co programa Verán na Rúa

31/07/2015 A Concellaría de Acción Cultural presenta para o mes de agosto unha programación que encherá de música, teatro, danza, maxia e circo dous espazos habituais para os composteláns, e emblemáticos para todos os que nos visitan: as prazas de San Martiño Pinario e a da Quintana. Unha variada oferta dirixida a todo o público que só se terá que preocupar de coller un bo sitio para ver os diferentes espectáculos, xa que todas as actividades son de balde. Os martes e xoves será na praza da Quintana e os mércores en San Martiño Pinario, sempre ás 19:30 horas.

A programación inaugurouse oficialmente co concerto da Banda Municipal de Música xunto a Viravolta Títeres o pasado mércores 29 de xullo, presentando Peer Gynt en San Martiño Pinario. Agora, no mes de agosto teremos tres espectáculos cada semana. O martes 4, Circo Chosco presenta Forzud@s, un espectáculo de novo circo e acrobacias aéreas no que o humor e o absurdo son os fíos condutores. O mércores 5 poderemos asistir a Letriska Inmobile, da compañía galega Isla Letriska, un delirante espectáculo recomendado para maiores de 6 anos e que combina variadas disciplinas de novo circo (malabares, pallaso, equilibrios…). Xa o xoves 6 é a quenda da maxia e a música: Fusionarte presenta Ao ritmo da maxia, un show interactivo no que o público participa do encontro dun mago con tres músicos.

Na segunda semana de agosto comezamos o martes 11 en clave de cinema mudo e circo da man de Pistacatro Produtora de Soños, que presenta Fair Play, unha comedia que evoca os tolos anos 20, e o mércores 12 chega a Compostela a malabarista italiana Fran Martó co seu espectáculo de rúa Rinse & Spin, onde a manipulación de obxectos, malabares e clown constitúen as bases para a comunicación narrativa. Pechamos semana o xoves 13 coa compañía galega de danza TrasPediante que achegan o seu Up2Down, mestura de danza e circo contemporáneo con notas de humor e clown.

A terceira semana de agosto inaugúrase o martes 18 da man de Desastronauts, que nos ofrecen a súa nova creación, Un tonto no aire, unha peza de circo centrada nas acrobacias aéreas con moito humor, habilidade e enerxía. O mércores 19 poderemos ver a Laura Mandarina, unha das mellores magas cómicas do momento. No seu Laboratorio máxico, Mandarina mestura a maxia, o clown e os monicreques. E xa o xoves 20, a compañía Maintomano presenta Ekilibuá, un espectáculo para todos os públicos que fusiona a teatralidade cos potes acrobáticos, o lanzamento de coitelos, os equilibrios, a manipulación de obxectos e moita complicidade.

Así chegamos á última semana de agosto, que empezaremos o martes 25 con Ghazafellos e as súas As mil e unha noites, das que farán partícipe ao público ata o punto de que levarán os aromas de Persia impregnados na súa pel. O mércores 26 teremos de novo á maxia como protagonista, xa que estará o Mago Romarís co seu espectáculo As maletas máxicas chinesas, e pechamos o programa o xoves 27 de agosto da man da compañía Bambolea, que nos presenta ás irmás Bambalas e as súas acrobacias aéreas: un espectáculo de gran volume e cheo de grandiosos movementos.

Direccións relacionadas



Compartir: