ACCIÓN CULTURAL

Bonaval acollerá a I Romaría Cativa

15/07/2015 O parque compostelán de Bonaval acollerá o xoves da próxima semana, 23 de xullo, unha xornada moi especial dedicada ás nenas e aos nenos. Trátase da I edición da Romaría Cativa, un festival infantil enmarcado dentro da programación Artellando, das Festas do Apóstolo 2015, e que incluirá os concertos de Mamá Cabra e María Fumaça, o circo da Compañía Duelirium, a danza da Compañía Transpediante, obradoiros de percusión a cargo de Trópico de Grelos, obradoiros de manualidades coa Compañía Babaluva, xogos populares con Xandobela e tamén un espazo de xogo libre. A Romaría Cativa comezará ás 16:30 horas e prolongarase ata as 21:00 horas.

Con este festival preténdese que tamén os máis pequenos da casa poidan ter a súa programación e desfrutar das festas de Santiago con propostas culturais específicas para eles. As nenas e nenos que se acheguen ata Bonaval poderán escoitar a dous dos grupos infantís galegos máis consagrados e con maior repercusión na actualidade. Mamá Cabra presentará na Romaría o seu último disco, 15 primaveras e a cantante Uxía Senlle virá acompañada de todo o seu tren de músicos colaboradores para facer cantar e bailar a todo o público con María Fumaça.

A Romaría Cativa será o maior evento das Festas do Apóstolo 2015 destinado ao público infantil e familiar, pero non será o único. A partir deste sábado, 18 de xullo, e ata o propio día 23, diferentes barrios de toda a cidade e do rural compostelán acollerán espectáculos infantís en horario de mañá e de tarde.

Programación infantil do sábado 18 ata o xoves 23 nos barrios
A programación Artellando nos Barrios arrincará o sábado 18 con espectáculos de contacontos, circo, teatro, títeres,…, para nenas e nenos nas seguintes ubicacións:

Sábado 18:
- Praza de Área Central, ás 12:30 horas: A historia de Brancaflor (Compañía Os sete magníficos máis un).
- Praza Marcial Villamor Varela (Sar), ás 12:30 horas: Pan e auga? Sopas! (Chus de Xandobela).
- Parque da Trisca, ás 19:00 horas: Burromaquia (Inacio Vilariño).
- Praza Roxa, ás 19:00 horas: Lume (Compañía Babaluva). Títeres.

Luns 20:
- Centro Sociocultural de Nemenzo, ás 12:30 horas: O chungo que te cagas (Peter Punk).
- Centro Sociocultural de Santa Marta, ás 12:30 horas: Pan e auga? Sopas! (Chus de Xandobela).
- Centro Sociocultural do Castiñeiriño, ás 19:00 horas: O chungo que te cagas (Peter Punk).

Martes 21:
- Centro Sociocultural da Gracia, ás 12:30 horas: Obras (Brais das Hortas).
- Centro Sociocultural de Vite, ás 12:30 horas: Contos de animalario (Contos Daboapipa).
- Centro Sociocultural de San Lourenzo, ás 19:00 horas: Contos de animalario (Contos Daboapipa).
- Praza Roxa, ás 19:00 horas: A verdadeira historia de Robinson Crusoe (Compañía O Bandullo Azul). Teatro.

Mércores 22:
- Centro Sociocultural de Figueiras, ás 12:30 horas: A historia de Brancaflor (Os sete magníficos máis un).
- Parque do Cruceiro Vello (Conxo), ás 12:30 horas: Burromaquia (Inacio Vilariño).
- Local Sociocultural de Meixonfrio, ás 19:00 horas: Babamor (Larraitz Urruzola).
- Praza Roxa, ás 19:00 horas: O segredo do tendal (Raquel Queizás). Contacontos.

Xoves 23:
- Local Sociocultural de Amio, ás 12:30 horas: Obras (Brais das Hortas).
- Local Sociocultural Brañas de Andrés, ás 12:30 horas: Babamor (Larraitz Urruzola).

Documentos relacionados



Compartir: