CONVIVENCIA

A Policía Local de Santiago súmase á campaña de vixilancia e control das condicións dos vehículos

03/07/2015 Entre os días 6 e 12 de xullo, a Policía Local de Santiago adhírese á programación das campañas e operacións para o ano 2015 impulsadas pola Dirección Xeral de Tráfico levando a cabo nesta ocasión unha campaña de vixilancia e control das condicións dos vehículos.

A Policía Local quere con isto lanzar a mensaxe a toda a cidadanía de que hai que prestar unha especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos, freos, luces e sinalización, etc. O mantemento correcto de todos eles convértese nunha actividade totalmente imprescindible para combater a sinistralidade.

A inspección dos vehículos é fundamental para a seguridade viaria. Está demostrado que os fallos técnicos contribúen de forma decisiva aos accidentes: a eles débese o 6% do total de sinistros de automóbil, o que representa anualmente 2.000 vítimas mortais na Unión Europea e un número moi superior de feridos. Esa proporción elévase ao 8 % no caso dos accidentes de moto.

Segundo un estudo recente do RACE, os defectos nos pneumáticos son a causa do aumento nas saídas da vía, que en 2013 supuxeron o 34% dos accidentes na estrada, fronte ao 30 % do ano anterior. É recomendable que a profundidade das ranuras teña como mínimo 3 milímetros. O límite legal é de 1,6 milímetros.

Que un vehículo responda de forma adecuada en todo momento depende en gran medida das condicións de uso que se lle dea e do seguimento do programa de mantemento que se establece para el. A Policía Local lembra que un bo control dos sistemas do vehículo é unha garantía para nosa propia seguridade na estrada.

Compartir: