EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello destina 200.000 euros ao plan de obras de verán nos centros educativos

03/07/2015 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manolo Dios, deu conta en rolda de prensa do plan de obras de verán na rede de centros de educación infantil e primaria de Santiago. A empresa adxudicataria do mantemento realizará traballos por importe de 200.000 euros en 24 equipamentos educativos.

Lembrou o concelleiro que todas estas obras responden ás necesidades prioritarias dos centros educativos e son froito das demandas das direccións e das ANPAS dos mesmos. Realizaranse traballos en 13 centros de educación infantil e primaria: Apóstolo Santiago, Arquitecto Casas Novoa, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Rodríguez Xixirei, Roxos-Villestro, Vite, Cardeal Quiroga Palacios e Ramón Cabanillas. Tamén se actuará nas tres escolas rurais (Gaioso-O Eixo, Rial-Laraño e Sisto-Marrozos) e nas seis escolas infantís: as tres municipais (Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños) e as de San San Roque, Tras-Parlamento e Tambre). Ademais, afrontaranse obras na Escola Municipal de Música, no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela e na Ludoteca de Fontiñas.

Realizaranse obras de mantemento de edificios, terreos e instalación. Así, nos edificios, afrontaranse pequenas reparacións en estruturas, mantemento en varadas e accesorios, arranxos de cerramentos exteriores, pequenas reparacións en falsos teitos, mantemento en portas, fiestras e persianas, reparación e substitución de aparellos sanitarios, pequenas reparacións en tabiques divisorios, pintados interiores e exteriores, etc.

Os labores no exterior dos centros abranguen cuestión como o mantemento de zonas verdes; a reparación de pavimentos, ramplas ou escaleiras; o mantemento dos areeiros; a reparación en mobiliario exterior ou o arranxo e substitución de peches, muros e os seus elementos. En canto ás instalación, os traballos teñen que ver sobre todo coa seguridade e bo funcionamento das instalación eléctricas e das redes de evacuación de augas.

Todas estas actuacións a realizar nos meses de xullo e agosto forman parte do servizo de conservación, reparación e pequenas reformas subscrito polo Concello de Santiago coa empresa Espina & Delfin. Da cantidade adxudicada para 2015, 300.000 euros, xa se executaron 100.000 euros, polo que para o plan de obras do verán quedan 200.000 euros, dos que 160.239 euros son para as obras xa orzamentadas destes dous meses e o resto, case 40.000 euros, quedan en reserva para actuacións urxentes.

Outros servizos
Á marxe destas obras concretas, o concelleiro lembrou que hai outros servizos que tamén realizan tarefas de mantemento. Así, a empresa adxudicataria do servizo de conserxería, limpeza e control dos centros de infantil e primaria, Ferrovial Servizos, realizará durante o mes de agosto tarefas de limpeza xeral: fregado mecánico e encerado de solos, lavado, pranchado e reparacións menores de cortinas, limpeza de alfombras, limpeza interior e exterior de cristais, limpeza exterior de persianas con aparello elevador, limpeza xeral de patios, desinfección e desinsectación, etc.

No caso das escolas rurais (Sixto Marrozos, Gaioso-Eixo e Rial Laraño) e das Escolas Infantis coxestionadas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (San Roque, Tambre e Tras-Parlamento) o Concello ten asinado un contrato de prestación dos servizos de limpeza coa empresa ISS, que realizará unha limpeza xeral destes equipamentos municipais.

Tamén está prevista a desratización e desinsectación nos centros públicos de educación infantil e primaria adscritos ao servizo de comedores e madrugadores do Concello de Santiago.

A estes servizos súmase o de mantemento dos espazos verdes, que inclúe os dos centros de ensino público de Santiago. Realizaranse limpezas, segas parciais, podas e outros labores. Do mesmo xeito, dentro do contrato municipal do alumeado público, están previstas actuacións de revisión e mantemento eléctrico, como a comprobación do estado e funcionamento do alumeado interior e exterior dos centros ou a revisión das tomas de corrente e interruptores.

Obras da Consellería de Educación
Manuel Dios deu conta tamén das obras que ten en marcha a Consellería de Educación, que suman un investimento de 1.136.723 euros. Entre estas destacou as de ampliación do CEIP Roxos-Villestro, por máis de 700.000 euros, e do CEIP Monte dos Postes, por 309.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: