SEGURIDADE E MOBILIDADE

A Policía Local de Santiago desenvolve un sistema que facilita o contacto das persoas xordas coas forzas de seguridade

09/06/2015 A Policía Local, en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC), pon en marcha un novo sistema que permitirá que as persoas que teñen discapacidade auditiva poidan contactar de forma directa coa policía a través dun servizo de mensaxes de texto.

A Sala de Coordinación da Policía Local conta cunha aplicación para PC, denominada LINE, na que se recibirán as mensaxes. Así mesmo, na Sala de Comunicacións instalouse unha alarma sonora, que se activará cando se reciba unha mensaxe de forma que o persoal policial da central de comunicacións terá a tempo real a recepción da reclamación de auxilio.

Cando unha persoa xorda teña a necesidade de contactar coa Policía Local, deberá enviar unha mensaxe de texto a un número e activarase o proceso. Unha vez lido o contido, dende a base policial xestionarase o servizo, destinando o operativo correspondente, ao tempo que se contesta ao solicitante a través doutra mensaxe para que saiba que a súa demanda está sendo atendida e para obter a restante información necesaria.

Dende a Policía Local recomendan poñer especial atención en especificar o lugar no que se produce o suceso, así coma que tipo de emerxencia quere comunicar (lume, enfermidade, problemas cun vehículo, discusións ou pelexas, violencia doméstica, ou outros) posto que da correcta recepción da información dependerá a inmediatez coa que poidan acudir a prestar auxilio.

No caso de non ser atendidos, deberán contactar coa Policía Local a través do número de emerxencias 112. O operador saberá que se trata dunha persoa xorda e responderá mediante un SMS no que lle preguntará cal é a emerxencia e onde ten lugar.

O número de teléfono está a disposición de todas aquelas asociacións e persoas que o necesiten. Este tipo de iniciativas son un claro exemplo de que grazas ás novas tecnoloxías, pouco a pouco, están desaparecendo as barreiras que impedían o acceso directo ás persoas con discapacidade auditiva a servizos esenciais coma a Policía Local.

Compartir: