ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca que a Feira do Libro reforza "a vinculación de Santiago co mundo literario" e o seu papel de "capital cultural e centro das letras galegas"

27/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou unha nova edición da XXXIV Feira do Libro, que se celebrará do 1 ao 10 de maio no paseo central da Alameda. "Santiago de Compostela súmase así á promoción do libro e da lectura, entendendo que o libro é ese compañeiro de viaxe no desenvolvemento e crecemento de toda persoa, que non debemos abandonar nunca", indicou. Na rolda de prensa tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xosé Antón Pedreira, e a concelleira de Cultura, María Antón.

"Fomentar a lectura é una das tarefas máis fermosas que temos, non só no ámbito das administracións públicas, senón tamén na esfera do ámbito privado, nas familias, na responsabilidade como pais e nais", apuntou o alcalde a propósito deste labor de promoción da lectura que realiza o Concello de Santiago. Neste sentido, citou a Campaña Municipal de Animación á Lectura, que xa vai pola súa XV edición, ou as diversas actividades nos centros socioculturais, como a posta en marcha baixo o título "Ler, contar e gozar coas letras".

Agustín Hernández cualificou como "gratificante" a participación do Concello nesta iniciativa, convencido tamén de que esta edición será aínda máis exitosa que a de 2014, cunha asistencia de 25.000 persoas. Así, concluíu, "eventos como a Feira do Libro reforzan a vinculación de Santiago co mundo literario, que é estreita e longa no tempo, e reforzan tamén o seu papel de capital cultural e de centro das letras galegas".

Do 1 ao 10 de maio
A Feira do Libro de Santiago estará do 1 ao 10 de maio no paseo central da Alameda. As 11 casetas desta edición abrirán en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Nas xornadas festivas e de fin de semana, o horario da mañá prolongarase ata as 14:30 horas.

O evento arrancará o venres 1 de maio ás 19:15 horas, coa actuación da Banda Municipal de Música. A continuación, Manuel Portas pronunciará o pregón inaugural e asinará exemplares do seu novo libro Amor en alpargatas.

Durante o resto de xornadas, celebraranse ata 25 actividades diferentes de xeito paralelo á propia mostra. Así, haberá presentacións de libros, sinaturas de exemplares, contacontos, coloquios, teatro infantil, proxeccións audiovisuais ou diversos obradoiros.

Na Feira estarán escritores como Xosé M. Lobato, María López Sandez, Concha Blanco, Dani Padrón, Xurxo Souto, Sechu Sende, Alejandro Mínguez, María Xosé Queizán, Antonio Reigosa, Mercedes Leobalde, Elena Gallego, Lucio Martínez, Fran P. Lorenzo ou Carlos Labraña, entre outros.

Compartir: