PLENO

O Pleno aproba inicialmente a ordenanza de licenzas, que eliminará trabas burocráticas e dinamizará a actividade económica

27/03/2015 O Pleno da Corporación aprobou inicialmente, co voto favorable do grupo do Goberno e a abstención dos grupos socialista e nacionalista, a nova ordenanza municipal reguladora da tramitación das licenzas urbanísticas e outras formas de intervención administrativa. Esta norma, aprobada previamente pola Xunta de Goberno, axilizará a tramitación na posta en marcha das actividades e obras de acondicionamento de locais, eliminando trabas burocráticas innecesarias, liberalizando o exercicio de actividades de servizos, en sintonía cos mandatos da UE, e contribuíndo a dinamizar a actividade económica.

As actividades poderán iniciarse sen previa licenza municipal, cando se teña presentado unha comunicación de actividades. Así, preténdese facilitar e facultar a posta en marcha de actividades e obras ligadas ao acondicionamento de locais que non requiran da redacción dun proxecto de obra, así como das obras que non están suxeitas a licenza.

Trátase de eliminar trabas e de axilizar a tramitación administrativa, de forma que poidan iniciarse sen previa licencia municipal dende o mesmo día da presentación da comunicación previa ás actividades e, no caso de obras, cando transcorra o prazo de 15 días hábiles dende a presentación, sen necesidade de esperar á finalización do control municipal, o cal se mantén anque se articule a posteriori.

Non se lles aplicará o novo réxime e, polo tanto, estarán suxeitos a licenza previa, as obras que afecten á protección do patrimonio histórico-artístico declarado, medio ambiente, seguridade ou accesibilidade.

Entre outros aspectos, a nova ordenanza regula as consultas previas en materia de urbanismo, os dereitos dos solicitantes e a obriga de resolver as licenzas en tres meses. Tamén se establece o reforzo, regulación e previsión das tarefas de control das actividades sometidas a declaración/comunicación, para evitar falsidades, omisións ou incumprimentos.

A ordenanza contén unha parte dispositiva integrada por 60 artigos agrupados en catro títulos, catro disposicións adicionais, unha transitoria, outra derogatoria, e unha disposición final única relativa á entrada en vigor. Inclúe tamén catro anexos nos que se definen os distintos medios de intervención administrativa, a documentación esixible nos distintos supostos e os modelos normalizados de solicitude de licenza e de comunicación previa.

Informe de Avaliación de Edificios
Tamén no ámbito urbanístico, o Pleno aprobou inicialmente a ordenanza municipal reguladora do Informe de Avaliación de Edificios, cos votos favorables do PP, a abstención do PSdeG-PSOE e o voto en contra do BNG. Dáse así cumprimento á normativa actualmente en vigor, e de forma especial ao disposto pola Lei 9 a Lei 8/2013, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovacións Urbana, que impón aos concellos a obriga de regular, mediante ordenanza municipal, o deber de inspección técnica periódica das edificacións para determinar o seu estado de conservación, o cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e o grao de eficiencia enerxética. Este novo Informe de Avaliación vén a substituír á actual Inspección Técnica de Edificacións (ITE), que non contemplaba a situación do edificio en relación coa accesibilidade nin a eficiencia.

A norma municipal obriga aos propietarios de edificios de vivenda colectiva cunha antigüidade superior aos 50 anos a realizar un informe de avaliación no prazo máximo de cinco anos dende a data que acaden esa antigüidade. Tamén obriga aos titulares de edificios que queiran acollerse a axudas públicas, co obxectivo de acometer obras de conservación, accesibilidade ou eficiencia enerxética.

Tanto esta ordenanza como a relativa ás licenzas deberán ser aprobadas inicialmente polo Pleno, abríndose logo un período de información pública, por un prazo mínimo de 30 días, para a presentación de reclamacións e suxestións. Estudadas estas, o Pleno ratificará as normas de xeito definitivo.

Plans parciais de Aríns
Continuando co urbanismo, aprobáronse definitivamente os plans parciais dos solos delimitados número 16 (SUD-16), de Agra dos Campos, e número 17 (SUD-17), do Monte do Gozo, ambos en Aríns. Estes plans parciais, formulados por iniciativa particular, desenvolven dous sectores que poderían dar cabida a máis de 2.000 vivendas.

Respecto ao SUD-16 de Agra dos Campos, o plan supón actuar sobre unha superficie total de 442.882 metros cadrados e unha superficie edificable de 177.153 metros cadrados, cos seguintes usos: residencial, cun máximo de 1.096 vivendas colectivas, 365 de carácter unifamiliar e 334 de protección pública; uso terciario (17.000 metros cadrados) e dotacional privado (2.000 metros cadrados). O desenvolvemento do solo fará efectiva a cesión ao Concello dunha superficie de 31.208 metros cadrados. Fixouse como sistema de actuación o de compensación.

Ao seu carón, no SUD-17 de Monte do Gozo, regúlase unha superficie total de 138.859 metros cadrados e unha superficie edificable de 48.601 metros cadrados, cos seguintes usos: residencial, cun máximo de 264 vivendas colectivas, 124 de carácter unifamiliar, e 104 de protección pública, uso terciario (1.280 metros cadrados) e dotacional privado (500 metros cadrados).

Situacións fóra de ordenación
Finalmente, tomouse en coñecemento a aprobación definitiva da modificación puntual da normativa urbanística do PXOM aplicable ás situacións fóra de ordenación. Modificación dos artigos 109 e 124 e do capítulo IX do PXOM.

A reforma ten por obxecto introducir unha serie de correccións na modificación puntual no PXOM xa aprobada en decembro de 2013, mediante a que se graduaban as obras autorizadas nos inmobles fóra de ordenación. Estas modificacións foron instadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e non alteran a regulación substantiva do documento.

Compartir: