ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a figura de San Francisco de Asís como inspiradora dun "impagable labor social" e dun "legado artístico que chega ata os nosos días"

27/03/2015 O alcalde de Santiago asistiu ao acto de inauguración no Pazo de Xelmírez da exposición San Francisco e o seu tempo. Esta mostra, aberta ata o 24 de xuño e de entrada gratuíta, permite, segundo Agustín Hernández, "seguir afondando na figura do Santo de Asís, unha figura con valores universais que inspirou e, sen dúbida, continuará a facelo no futuro, non só un impagable labor social, senón tamén un legado artístico que chega ata os nosos días".

Tras inaugurarse recentemente a exposición Camiño. A Orixe, a cidade acolle agora esta mostra, organizada por Turismo de Galicia, que, en palabras do alcalde, "ofrécenos a posibilidade de viaxar aos séculos XIII e XIV, a través dun conxunto de pezas de gran valor, que pola súa dispersión e afastamento non é doado contemplar".

"Esta exposición exhibe, ademais, unha visión da arte dende o momento no que se inicia a traxectoria e a pegada do inspirador dunha das institucións máis entrañables da nosa cidade, o convento de San Francisco do Val de Deus", apuntou Agustín Hernández. Neste sentido, lembrou que "a presenza da orde franciscana está fortemente ligada en Galicia ao feito desta peregrinación do santo da Umbría italiana, da que continuamos a celebrar o 800 aniversario, e esténdese ao longo dos Camiños de Santiago".

Tamén se referiu Hernández, á "forte identificación entre a experiencia da peregrinación a Compostela e as bases do ideal franciscano, que remiten a unha íntima comuñón coa natureza, unha profunda espiritualidade e o afán da convivencia fraternal". Estes valores, dixo, "aínda sendo ignorados na práctica moitas veces, seguen a ter plena vixencia na actualidade".

Finalmente, destacou o dobre valor desta mostra que, por unha parte, ofrece "unha nova perspectiva para chegarnos á figura de San Francisco" e, por outra, permite "gozar da sensibilidade de artistas que crearon e se inspiraron no seu tempo, naquela época na que comezaba a despuntar da arte gótica en Galicia".

A exposición
A mostra San Francisco e o seu tempo reúne unha escolma de arte dos séculos XIII e XIV. Ilustra a vida de San Francisco e os inicios da orde franciscana nun achegamento ao século XIII no que se desenvolve e ubica o principal expoñente da arquitectura gótica civil en Galicia.

Os contidos da exposición, expresados a través da escultura, pintura, restos arquitectónicos, documentos e ourivería dos séculos XIII e XIV, dialogan cos espazos do Pazo de Xelmírez, integrándose así o espazo expositivo como unha peza máis desta exposición.

A mostra conta con grandes pezas da cultura occidental chegadas dende Italia, Francia, Portugal, Castela e León, e Galicia: pintura mural, pintura sobre táboa, escultura en granito, pedra calcaria e madeira policromada, ourivería, documentos, manuscritos medievais, etc.

Compartir: